ARRANCAN AS PRIMEIRAS 16 AUDICIÓNS DE PEQUESTRELAS XACOBEO 21-22 CON GRANDE EXPECTACIÓN ENTRE OS PARTICIPANTES
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, asistiu onte aos castings que se celebraron nos exteriores da sede autonómica viguesa
Máis de 500 artistas de distintas disciplinas e con idades comprendidas entre os 6 e os 18 anos terán oportunidade de demostrar o seu talento ata o vindeiro 30 de xuño
A Delegación Territorial da Xunta en Vigo acolleu onte á tarde as primeiras audicións do certame de talentos Pequestrelas Xacobeo 21-22superando todas as expectativas previstas e con grande expectación entre os participantes e o público asistente.
Este xoves déronse cita ante o xurado, 16 propostas grupais, en parella ou individuais, coas que os artistas demostraron as súas mellores dotes. Entre eles, músicos, bailaríns e cantantes de diferentes estilos.
Uns castings que se celebraron no exterior da sede autonómica viguesa e que contaron coa asistencia da delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, quen puido coñecer de primeira man algunhas das aspiracións artísticas dos participantes.
As seguintes citas das audicións están programadas para os vindeiros 16, 23 e 30 de xuño, como antesala da gala final que terá lugar o 8 de xullo e na que se darán a coñecer os gañadores da actual edición.
Coincidindo con estas primeiras probas, Fernández-Tapias destacou o éxito que está a ter Pequestrelas Xacobeo 21-22 entre os vigueses e viguesas de entre 6 e 18 anos, con máis de 500 inscritos. Un certame que definiu como “unha importante plataforma de impulso para os artistas emerxentes”.
Pequestrelas Xacobeo 21-22 abarca todo tipo de disciplinas artísticas, desde interpretación e canto, ata baile, floclore ou maxia. Os participantes terán que afanarse ao máximo para ser elixidos entre os mellores e convencer ao xurado para pasar á fase final, que será retransmitida en directo vía streaming .
En xogo, bolsas para cursar estudos musicais no Conservatorio Mayeusis, a gravación dun videoclip profesional, unha maqueta ou entradas para o Parque Warner de Madrid. Todos os inscritos obterán un diploma co logotipo da Xunta de Galicia que acreditará a súa participación no concurso.
En canto ao xurado, acompaña aos representantes da Xunta e de Linea Press o cantante lírico vigués Faustino López, finalista en “Tú si que vales” gracias a súa interpretación de “Violetas Integrales”.
