Ana Ortiz visita as obras de humanización da Avenida de Galicia de Vigo nas que a Xunta inviste 6,6 millóns

A delegada territorial fixo este luns un percorrido pola reforma despois da posta en servizo dos novos parkings que xa están a disposición do barrio vigués de Teis

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou este luns as obras de humanización da Avenida de Galicia (PO-323) na que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas inviste 6,6 millóns de euros para a reforma integral da estrada. Nesta segunda fase estase a actuar nun treito de 1,56 quilómetros, o que vai desde o límite co concello de Redondela ata o IES de Teis, e que representa un investimento de 4,1 millóns de euros financiados con fondos Next Generation.

“A primeira fase xa está rematada e calculamos que o vindeiro verano estará lista tamén esta segunda, na que levamos a cabo a reorganización das prazas de aparcamento, aumentando a súa capacidade, reformamos as beirarrúas e renovamos a pavimentación”, sinalou a representante autonómica durante a súa visita xunto ao director territorial, José Manuel González, e responsables das empresas adxudicatarias.

Nesta liña realizaranse conexións coa trama urbana de beiravías existentes e con itinerarios alternativos, como a senda da vía verde. A obra inclúe ademais a reposición de pavimentos dos itinerarios existentes e a execución de tres zonas novas de aparcadoiro para eliminar vehículos da zona de tránsito e crear unha contorna máis habitable, favorable para a mobilidade persoal, accesible e con menor impacto ambiental. Tras as obras disporase de 273 prazas de estacionamento, un 38% das existentes previamente.

Ana Ortiz recordou así mesmo outras intervencións nas estradas autonómicas co fin de incrementar a seguridade dos peóns, como a executada no viario Vigo-Vincios, nas zonas de Pereiró e Valadares, ou o proxecto que se vai desenvolver, cun investimento de 4 millóns de euros para mellorar o carril bici entre Vigo e Ramallosa (Nigrán) pola PO-325, que se enmarca no Plan de Sendas da Xunta.