Ana Ortiz subraia o éxito do plan para dinamizar o Casco Vello de Vigo tras a adxudicación dun novo local para un centro deportivo orientado á saúde
A delegada territorial da Xunta en Vigo destacou que actualmente xa existen un total de 36 novos negocios instalados no barrio histórico da cidade
O consello de administración do Consorcio Casco Vello aprobou este xoves a resolución do concurso público do local de Elduayen 31
A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ana Ortiz, destacou este xoves o “rotundo éxito” do plan de dinamización do barrio histórico da cidade a través do concurso público para ofertar baixos comerciais a novos negocios. “Logramos rehabilitar o Casco Vello e tamén darlle vida con emprendedores, de forma que xa son un total de 36 locais reformados para dinamizar a zona e fomentar o comercio de proximidade”, sinalou.
Ortiz informou de que o consello de administración do CCVV aprobou este xoves na súa sesión ordinaria a resolución do concurso de alugueiro do local comercial do edificio rehabilitado en Elduayen 31. Así, resultou gañadora unha proposta para un centro deportivo orientado á saúde presentada pola empresa Orixe.
Galardoada co premio Vigoemprende2024 ao mellor proxecto do ano, Orixe presentou “unha proposta de valor integral e diferenciada, deseñada para impactar positivamente na saúde e o benestar da comunidade” da zona histórica de Vigo. Na súa oferta, indicou que conta unha “metodoloxía baseada na sinerxia entre o patrón respiratorio e o adestramento de forza funcional, ofrecendo resultados excepcionais na mellora da condición física, a prevención e rehabilitación de lesións e a optimización do rendemento deportivo”.
Segundo explicou Ortiz, o baixo conta con 106,95 metros cadrados con fachada cara a rúa Elduayen. “A iniciativa permite incorporar un novo emprendedor a unha zona que xa conta cunha grande actividade e con todo tipo de negocios”, sinalou. Así aumentan a 30 os locais con actividade empresarial no Casco Vello, desde artesanos a autónomos, profesionais liberais, editorais e colectivos culturais. Outros seis locais reformados polo CCVV pertencen a asociacións empresariais e a opcións de compra exercidas polo inquilino, ademais do Rexistro Civil adquirido poloa Consellería de Presidencia.
O Consorcio xa levara a cabo en xuño de 2022 o concurso de alugueiro de vinte locais con prezos que ían dos 70 euros (rúa San Sebastián, 8) o máis barato ata os 255 euros o máis caro (Subida á Costa, 5). Catro dos baixos comerciais concentraron a maioría do centenar de ofertas e recibiron un total de 44 propostas.
