Ana Ortiz salienta a oportunidade do II Foro Galicia de Sostibilidade Global de Produtos do Mar para “garantir o futuro” do sector mar-industria en Vigo

A delegada territorial participou este martes na presentación do evento que se celebrará o 11 e 12 de novembro na cidade con expertos da pesca
”Galicia reúne todos os elementos, industria, universidade e centros tecnolóxicos e de investigación, para liderar o diálogo sobre sostibilidade”, sinalou Ortiz

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou este martes na presentación do Foro Galicia de Sostibilidade Global de Produtos do Mar GSSG (Global Sustainable Seafood Galicia Forum) que celebrará a súa segunda edición os días 11 e 12 de novembro na Sede Afundación de Vigo baixo o lema “Unha visión asimétrica da sostibilidade” e cunha participación esperada de 300 asistentes (presencial e online).

Durante a presentación, Ana Ortiz destacou a posición de Galicia, “que con máis de 4.000 buques de pesca e preto de 5.000 explotacións de acuicultura, lidera hoxe as rexións pesqueiras europeas, dando emprego en toda a súa cadea de valor a máis de 50.000 persoas”. Segundo apuntou a delegada, “Vigo reúne todos os elementos -industria, universidade e centros tecnolóxicos e de investigación– para liderar tamén o diálogo sobre sustentabilidade e o foro e unha excelente oportunidade para garantir o futuro da pesca”.

O Foro GSSG está promovido pola Fundación Nova Pescanova e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, e conta co apoio do Grupo Nova Pescanova e Abanca. Esta segunda edición converterá Galicia en epicentro do diálogo global sobre sostibilidade, achegando o debate ao escenario da actividade pesqueira, acuícola e de transformación dos produtos do mar.

Pola súa banda, a directora da Fundación Nova Pescanova, Marta Costas, apuntou á finalidade da entidade para fomentar e desenvolver actividades que, en relación coa pesca, a acuicultura e a elaboración e comercialización de produtos do mar, contribúan ao desenvolvemento sostible en todas as súas vertentes e á investigación, innovación e divulgación, tamén en todos os seus aspectos: técnicos, científicos, nutricionais, sociais ou culturais.

“A sostibilidade require de colaboración, de diálogo transparente e de ambición, condicións que concorren no foro, que volve traer a Galicia voces e prescritores de relevancia”, destacou. O director do Foro, Ángel Matamoro, explicou o lema “Unha visión asimétrica da sustentabilidade”, que permitirá contrapoñer realidades e visións dentro do sector: respecto a o xeográfico (Norte-Sur), á magnitude dos actores (grandes e pequenos), ao marco regulatorio e ao acceso ao financiamento sostible, “catro eixos relevantes para alcanzar o obxectivo común de preservar os recursos naturais para as xeracións presentes e futuras, xerando valor económico e social”.