ANA ORTIZ SALIENTA A NOVA CONVOCATORIA DO BONO TURÍSTICO E LEMBRA ÁS EMPRESAS QUE AÍNDA PODEN ADHERIRSE AO PROGRAMA
A delegada territorial da Xunta visitou o Hotel Exe, un dos negocios que xa están incluídos a este programa en Vigo
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este luns o Hotel Exe da cidade, un dos negocios participantes nesta nova edición do Bono Turístico que xa completou o proceso de adhesión coa descarga por parte do público en xeral de 16.666 bonos turísticos que o Goberno galego puxo en circulación para promover a desestacionalización do destino e favorecer que o turismo xere recursos e riqueza ao longo de todo o ano.
A representante autonómica salientou o éxito da nova convocatoria, que esgotou todos os bonos en apenas unhas horas. A Xunta inviste en total este ano 1M€ a través do programa que espera mobilizar ata 2,5M€ no sector durante o outono. Tamén informou que os bonos se poderán gozar en distintos establecementos e servizos turísticos de Galicia desde o 15 de setembro ata o 25 de decembro deste ano.
“O obxectivo é estimular un turismo que tiña que volver a revitalizarse tras a pandemia e desde entón, a iniciativa evolucionou ata consolidarse como un referente na promoción do turismo fóra da temporada alta, que fomenta ademais o sector turístico e as viaxes dentro da propia comunidade”, sinalou Ortiz. Ademais, no que se refire aos establecementos de aloxamento turísticos e ás axencias de viaxes, a delegada animou aos negocios a seguir adheríndose a este programa para beneficiarse do mesmo xa que o prazo para sumarse, comezou o pasado 15 de xullo, e rematará o 1 de decembro deste ano.
Poden apuntarse aqueles establecementos da comunidade autónoma e axencias de viaxes que teñan un centro de traballo en Galicia e desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado á comunidade e deberán estar tamén dados de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT).
14 establecementos adheridos en Vigo
Neste senso, recalcou que os establecementos adheridos xa superan os máis de 384 en Galicia, 14 en Vigo e un total de 113 na provincia de Pontevedra. A delegada destacou que desde que se implantou este programa en 2020, se puxeron en circulación máis de 63.000 bonos turísticos e mobilizáronse máis de 16,5M€ no sector turístico galego.
Toda a información sobre a iniciativa está dispoñible en www.bonoturismo.gal. Cada persoa poderá acceder a un máximo de dous bonos, que serán cada un dun importe de 150€, cofinanciados nun 40% pola Xunta de Galicia e nun 60% polas persoas solicitantes. Estas últimas deberán, por tanto, abonar 90€ por cada bono, 180€ no caso de que accedan aos dous máximos, que lles facilitarán ata 300€ para gozar dunha estadía o vindeiro outono nalgún dos establecementos participantes no programa.

