ANA ORTIZ SALIENTA A IMPORTANCIA DA DOAZÓN DE ÓRGANOS E O LABOR QUE REALIZA ADROVI
A delegada da Xunta participou nos actos organizados pola Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo con motivo do Día Mundial do Ril
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, sumouse este xoves no Centro Vialia aos actos de celebración organizados pola Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo (Adrovi) con motivo do Día Mundial do Ril.
A representante autonómica animou á cidadanía a participar nas doazóns e destacou o traballo de Adrovi para sensibilizar á poboación con actos como o celebrado este 12 de marzo no Centro Vialia para divulgar e informar sobre a doazón. Tamén destacou que tanto Galicia como o resto de España son líderes mundiais en doazón de órganos.
No mesmo participaron tamén o presidente de Adrovi, Celso García; o subdirector de Enfermaría do Hospital Álvaro Cunqueiro, Antonio Rodríguez, a concelleira Olga Alonso, e a doutora Lietty Gómez, nefróloga do Centro de Diálise Os Carballos. Tamén participaron nos actos alumnos de ciclos do Colexio Vivas de Vigo.

