Ana Ortiz preside o comité executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo para continuar co traballo de rehabilitación e construción de vivenda de protección
O organismo xa conta co novo Plan de Actuacións, Investimentos e Financiamento (PAIF) de 2025 cunha inversión directa de 1,6 millóns de euros
A delegada territorial da Xunta en Vigo e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ana Ortiz, presidiu este xoves o comité executivo do organismo autónomo celebrado na súa sede da rúa Ferrería unha vez aprobado o pasado mes de setembro o novo Plan de Actuacións, Investimentos e Financiamento (PAIF) de 2025 cunha inversión directa de 1,6 millóns de euros.
O CCCV, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo, avanzará en 2025 coas obras de rehabilitación dos edificios da rúa Elduayen 39-Ferrería 16 (cinco vivendas de protección autonómica e un local comercial), da rúa Hortas 2-4-San Sebastián 20 (dúas vivendas) e do inmoble da Ribeira do Berbés 39-San Francisco 2 (dúas vivendas). Ás anteriores 9 vivendas sumaranse outras cinco co remate das obras, que comezarán ao longo do ano que ven, da rehabilitación prevista no inmoble da rúa Alta 8-14.
Ao longo do próximo ano está previsto que se desenvolva o proceso de licitación dos proxectos e obtención de autorizacións administrativas para a rehabilitación doutros dous inmobles que se atopan no histórico barrio do Berbés (números 7 e 27). Para atender a estas actuacións, o Consorcio Casco Vello programa adicar un investimento directo que supera os 1,6 M€ e que se prevé ampliar por riba dos 3 M€ coa incorporación de remanentes.
Por último, neste último trimestre de 2024 estase culminando co proceso de adxudicación das vivendas dos últimos dous edificios que foron obxecto de rehabilitación e que remataron as súas respectivas obras recentemente. Trátase dos edificios da rúa Elduayen 31 (seis vivendas) e da rúa Subida ao Castelo 9 (dúas vivendas).