ANA ORTIZ PARTICIPA NA ENTREGA DE PREMIOS DA CAMPAÑA DE NADAL DO COMERCIO VIGUÉS

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo destacou a iniciativa  do Centro Comercial Aberto de As Travesas para fomentar o comercio de proximidade

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, participou este venres na entrega dos premios da última campaña de Nadal para dinamizar o comercio de proximidade, apoiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e organizada pola asociación de comerciantes de As Travesas (Aetravi) co obxectivo de fomentar o comercio local.

A representante autonómica salientou a importancia deste tipo de accións de dinamización para dar vida aos barrios da cidade e impulsar as vendas de Nadal no comercio de proximidade. A iniciativa posta en marcha polo Centro Comercial Aberto de As Travesas comezou o 15 de decembro e rematou o pasado 5 de xaneiro.

A gañadora recibiu o premio principal do sorteo, unha viaxe para dúas persoas ás cidades imperiais, de Marrakech a Fez, nun acto celebrado na tenda Kekos (avenida das Camelias, 141) no que ademais de Ana Ortiz, tamén participou Iván Iglesias, presidente de Aetravi.

Impulsar o comercio local

A campaña desenvolveuse entre o 15 de decembro de 2025 e o 5 de xaneiro de 2026, ambos incluídos, e permitiu a participación da clientela a través da aplicación móbil Travi-Travi, na que as persoas consumidoras puideron rexistrar as súas compras e subir os seus tíckets para entrar no sorteo.

Para participar foi necesario realizar unha compra mínima de 30 euros nalgún dos establecementos adheridos e completar o rexistro na aplicación, achegando a imaxe do ticket ou factura correspondente. Desde Aetravi destacaron que esta acción «axuda a reforzar o atractivo comercial do barrio nun dos períodos máis importantes do ano», ao tempo que «premia a fidelidade da clientela e impulsa o uso de ferramentas dixitais para achegar o comercio á veciñanza».

Apoio institucional ao comercio de proximidade

A campaña estivo cofinanciada pola Xunta de Galicia, no marco do seu apoio continuado ao tecido comercial de proximidade, poñendo en valor o papel do pequeno comercio como motor económico e social dos barrios.