Ana Ortiz fai un chamamento á solidariedade da cidadanía viguesa para donar regalos na nova campaña “Cada Neno un Xoguete”
A delegada da Xunta participou na presentación da iniciativa solidaria que xa repartiu 21.000 xogos entre os pequenos vigueses o pasado ano
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou este venres na presentación da campaña “Cada neno un xoguete 2024” que impulsa a Asociación Stop Vigo para levar miles de regalos este Nadal ata as casas dos máis pequenos. Durante o acto celebrado no Centro Comercial Camelias, a representante autonómica destacou a solidariedade dos vigueses na iniciativa que xa cumple a súa décimosexta edición.
Acompañada pola vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez; da directora do centro comercial, Sandra Rodríguez, e o organizador da campaña, Carlos Leiro, a delegada felicitou aos impulsores da campaña solidaria e agradeceu a colaboración de entidades privadas e voluntarios.
A recolecta de agasallos comezou o pasado 1 de outubro e finalizará o vindeiro 4 de xaneiro, cando levarase a cabo a entrega aos nenos e nenas viguesas. “Temos que conseguir que todos os nenos sorrían este Nadal porque a súa alegría será a nosa e por iso gustaríame tamén pedir a todos os vigueses que participen e doen”, sinalou Ortiz.
Na edición do pasado ano 2023 foron recollidos máis de 21.000 xoguetes e ao longo das edicións celebradas a suma elévase ata máis de 88.000 regalos donados. En 2023 repartíronse directamente ás familias e colectivos un total de 9.027 unidades nos 23 días que se mantivo operativas 8 horas diarias e foi entregado o resto a través do programa Xoguetes Viaxeiros. A organización calcula que o alcance do reparto chegou a 4.000 familias, mentres que os doantes cífranse en aproximadamente 2.000 persoas.


