ANA ORTIZ E XOSÉ MERELLES DESTACAN EN FITUR 2026 O TRABALLO DE DISCAMINO PARA DIFUNDIR O FEITO XACOBEO A TRAVÉS DO CAMIÑO PORTUGUÉS DA COSTA INCLUSIVO
A delegada territorial de Vigo e o director de Turismo de Galicia presentaron a programación do colectivo social para este ano
Discamino xa realizou o Camiño de Santiago cun total de 814 persoas con discapacidade desde 2009
“A Xunta aposta pola diversificación das rutas e o Camiño Portugués da Costa é o que amosa o maior índice de crecemento”, sinalou Merelles
“Vigo tamén é Xacobeo e urxe que o Concello sinalice o percorrido para que os peregrinos non se perdan nas rúas da cidade”, apuntou Ortiz
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentaron este mércores ‘O Camiño Portugués da Costa Inclusivo’ no marco de Fitur 2026 e dentro da programación do stand de Galicia na feira internacional de turismo que se celebra no IFEMA de Madrid. Os representantes autonómicos destacaron o traballo da Asociación Discamino para difundir e promover o feito xacobeo a través das súas iniciativas sociais.
Durante o acto, no que participaron o fundador de Discamino, Javier Pitillas, e o integrante do colectivo David Riaño, proxectáronse imaxes da iniciativa fundada en 2009. Os plans para este ano 2026 pasan por realizar a ruta un total de dez veces entre maio e setembro. Nos últimos dezaseis anos máis de 800 persoas con discapacidade peregrinaron a Compostela a bordo de bicicletas adaptadas ou camiñando.
“O noso Camiño da Costa é máxico pola súa beleza, polo seu patrimonio natural e cultural e pola súa xente, pero tamén é inclusivo, como demostran desde hai anos os peregrinos de Discamino”, destacou Ana Ortiz durante a súa intervención. A delegada territorial detallou os datos “espectaculares” que presentou o percorrido no ano 2025. “Os nosos visitantes quedan abraiados e a mellor proba de que temos algo especial é que o 80% dos peregrinos son estranxeiros, especialmente alemáns, norteamericanos e italianos”, detallou.
O pasado ano, segundo indicou, un total de 89.500 peregrinos retiraron a súa Compostela tras realizar o percorrido do Camiño Portugués da Costa e máis de 11.000 recibiron aloxamento no Albergue Público Juan Manuel López Chaves, situado no histórico barrio do Berbés en Vigo. Ortiz rematou lembrando que aínda non está sinalizado o percorrido nas rúas da cidade. “Vigo tamén é Xacobeo e urxe que o Concello sinalice o traxecto para que ningún camiñante se perda”, apuntou.
Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia salientou a aposta da Xunta pola diversificación das rutas xacobeas e subliñou que o Camiño Portugués da Costa é o que amosa o maior índice de crecemento e o terceiro máis percorrido, co 16,9% do total.
‘Galicia Calidade’
A Feira Internacional Fitur celébrase desde o mércores 21 de xaneiro ata o domingo 25 no IFEMA de Madrid. O expositor da comunidade, situado no pavillón 9, organízase baixo o lema ‘Galicia Calidade’ e quere converterse na porta de entrada á terra para as persoas, profesionais e visitantes, que se acheguen a coñecer as propostas turísticas galegas. Precisamente, a presentación Galicia Calidade terá lugar o venres 23 ás 11,00 horas.
Desde este mércores 21 e ata o venres 23, Fitur está unicamente aberto a profesionais do sector turismo. Ao longo destas tres xornadas, o stand de Galicia acolle máis de medio centenar de actividades promocionais, mostras e faladoiros.
O sábado 25 e domingo 26 serán os días nos que Fitur se abrirá ao público xeral. Durante a fin de semana, a oferta do espazo de Galicia completarase con distintas demostracións e actuacións en vivo, vinculadas á cultura e a artesanía da terra.
Pódese consultar a programación para estes tres días en www.turismo.gal



