ANA ORTIZ E CÁNDIDO RIAL DESTACAN A APOSTA DE CONXEMAR POLA PROMOCIÓN DOS PRODUTOS DO MAR NA HOSTALERÍA LOCAL

A delegada territorial da Xunta e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica puxeron en valor o concurso Conxemar Tapas, que permite amosar a versatilidade e calidade dos produtos do mar conxelados da nosa comunidade

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, participaron este mércores na entrega de premios do concurso Conxemar Tapas, que comenzaron a facerse o ano pasado cos locais de hostalería do Casco Vello para promocionar o consumo de produtos do mar.

O concurso, que celebra a súa segunda edición, desenvolveuse entre os días 3 e 26 de outubro resultando gañadores os establecementos Crudeza (civiche Nikei), María Manuela (merluza 3.0) e Sota (Mar e Terra de merluza). Durante a entrega dos premios, celebrada na sede de Conxemar en Vigo, os tres finalistas cociñaron o seu petisco e explicaron a elaboración.

Ana Ortiz destacou a aposta de Conxemar pola gastronomía local e o apoio á hostalería máis próxima impulsando un concurso que premia a creatividade e o esforzo dos bares e restaurantes do Casco Vello e a Zona Náutico. “Vigo é sinónimo de pesca e mar, polo que este concurso supón unha forma orixinal de demostrar que o produto conxelado do mar tamén é sinónimo de calidade”, sinalou.

Pola súa banda, Cándido Rial puxo en valor esta iniciativa gastronómica que permite afondar na promoción dos produtos do mar conxelados na nosa comunidade. Nesta liña, resaltou “a calidade e versatilidade que ofrece o peixe e marisco, alimentos imprescindibles, no marco dunha dieta equilibrada, dado os seus importantes beneficios para a saúde e a prevención de doenzas”.

Rial tamén destacou o labor de entidades sectoriais como Conxemar na posta en marcha de accións que permitan divulgar as propiedades dos produtos pesqueiros e fomentar o seu consumo. Un aspecto no que se está a traballar desde o Goberno galego con medidas concretas como a campaña GALICIA SABE AMAR ou actuacións da man doutras organizacións como Conxemar Tapas. Contrasta coa xestión do Goberno central e a súa reiterada negativa a rebaixar o IVE a estes alimentos, algo moi demandado polo sector e os consumidores.