Ana Ortiz destaca o papel da LXI Regata Rías Baixas para “afianzar o liderado de Vigo” na náutica e a vela internacional

A delegada territorial en Vigo participou na presentación da proba que celebra este ano a súa 61 edición da man do Real Club Náutico de Vigo

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, presentou este xoves a LXI Regata Rías Baixas, que se celebrará entre os vindeiros 13 e 18 de agosto, xunto ao presidente do Real Club Náutico de Vigo, José Antonio Portela, e o presidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde.

“Galicia conta coa mellor materia prima, os mellores regatistas e as mellores regatas no deporte que máis medallas deu a España, é xusto recoñecelo precisamente agora que se disputan os Xogos de París”, sinalou a representante autonómica durante o acto levado a cabo na sé da entidade deportiva viguesa.

A regata, proba náutica por etapas máis importante de España, terá saída desde Vigo e contará con pasos polos portos de Combaro e A Pobra do Caramiñal para retornar de novo á cidade olívica. Ortiz destacou que a Xunta de Galicia apoia o proxecto da Regata Rías Baixas Xacobeo para “conseguir o ambicioso obxectivo de afianzar o liderado de Vigo como foco de atención mundial da vela, poñendo en valor ao mesmo tempo a excelencia da nosa costa”.

A delegada territorial tamén lembrou que o Goberno galego tamén dá cobertura a outras probas náuticas, como as rutas Iacobus Maris e Cabaleiro das Cunchas, co obxectivo de difundir os valores do Ano Santo.