Ana Ortiz destaca o “nexo de unión” entre o Náutico de Vigo e a Escola Naval de Marín para promover o turismo e a vela grazas á Regata Guardamarina
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo participou na presentación da proba que celebra este ano a súa 31 edición
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, participou este xoves na presentación da XXXI Regata Guardamarina, que se celebrará entre os vindeiros 21 e 22 de setembro. Ortiz asistiu ao acto xunto ao presidente do Real Club Náutico de Vigo, José Antonio Portela; o presidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde, o comandante director da Escola Naval de Marín, Pedro Cardona; o comandante naval de Vigo, Antonio Couce, e o concelleiro vigués e xefe de servizo de Deportes da Xunta, Daniel Benavides.
“Grazas a todos os que formades a familia do Náutico e a Escola Naval, entidades que son símbolos de Vigo e de Marín, polo nexo de unión que fortalecedes desde hai máis de tres décadas para promover o turismo e a vela”, sinalou a representante autonómica durante a presentación levada a cabo na entidade deportiva viguesa. A regata terá saída desde Marín o vindeiro sábado con final en Vigo, desde onde partirá ao día seguinte para completar a segunda etapa de regreso á ría de Pontevedra.

