Ana Ortiz destaca o I Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza pola súa contribución á“reactivación da cultura viguesa”

A delegada da Xunta participou na presentación dos poetas galardoados: Lupe Gómez, na modalidade de galego, e Morales Monterríos,  en castelán

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, participou este venres na presentación dos galardados do I Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza convocado co apoio do Goberno galego para celebrar o centenario do nacemento do escritor. Durante o acto celebrado na sede da Asociación Évame-Oroza, a representante autonómica salientou o éxito do certame literario que recibiu máis de 1.100 obras a concurso.Na súa intervención, Ana Ortiz felicitou aos gañadores que recibiron o recoñecemento polo seu traballo creativo e deulle os parabéns á asociación Évame-Oroza pola cantidade, diversidade e calidade das actividades realizadas ata o momento para difundir o traballo de Carlos Oroza.

“Iniciativas como este premio converten a Vigo en punto de referencia cultural en todo o territorio nacional, pero ademais o colectivo é responsable da reactivación da cultura viguesa desde o corazón da cidade, no seu barrio histórico, onde ten a sede grazas ás promocións do Consorcio Casco Vello”, sinalou.No acto participaron os gañadores, Guadalupez Gómez Arto, premio na modalidade de galego pola obra “Herbario da noite pecha”, e o chileno Roberto Morales Miranda, como mellor obra de poesía na modalidade de castelán pola obra “Carbono 14”.

GAÑADORES DO I PREMIO INTERNACIONAL DE POESÍA CARLOS OROZA

Premio de Poesía en Galego: GuadaLupe Gómez Arto, por “Herbario da noite pecha”

Guadalupe Gómez Arto, nada en Fisteus (Curtis) en 1972, é unha poeta e xornalista galega, coñecida como Lupe Gómez. Publicou libros de poesía como Pornografía (1995), Camuflaxe (2017), Caracois de Belvís (2020) ou Montaña Ioga (2022). Obtivo, entre outros, os premios Johán Carballeira, Premio da Crítica, Miguel González Garcés e Fiz Vergara Vilariño. É autora da narración autobiográfica Fisteus era un mundo (2001) e do epistolario Fosforescencias (2019). Con Salón de Té (Xerais, 2023) gañou o XI Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey.

 

Premio de Poesía en Castelán: Roberto Morales Miranda, por “Carbono 14”

Roberto Morales Monterríos, que firma as súas obras como Morales Monterríos, naceu en Chile, no ano 1970.  Este poeta, e panadeiro, publicou os libros Antichton (2000), Pantheon (2004), Príncipe de Chile (2007), Hécate (2009), Popol Vudú, Libro 1, Nómade in Chile(2017), Poemas de amor do obreiro John Bágoas. Os seus grandes éxitos (2018), O Tabo Che King (2022), NODO (2022). En 2022 resultou gañador do Premio Hispanoamericano de Poesía de San Salvador co libro NODO, o mesmo ano obtén o XXII Premio de poesía Vicente Núñez (España), co seu libro Seda-Sade. A súa obra caracterízase por achegar diversas propostas que non teñen á tradición literaria como punto de partida, e que son elaboradas con elementos de diversos ámbitos e disciplinas.