ANA ORTIZ DESTACA O “ESTILO ÚNICO” DO ARTISTA RAÚL VELLOSO PARA “DAR VIDA AOS EDIFICIOS” NA INAUGURACIÓN EN VIGO DA SÚA EXPOSICIÓN “ALMAZARA DE CORES”
A delegada territorial da Xunta participou na apertura da mostra do artista cangués no Palacio da Oliva
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, participou na inauguración da exposición “Almazara de cores”, do artista cangués Raúl Velloso, no Palacio da Oliva de Vigo. A representante autonómica destacou o “estilo único” do pintor e os seus “edificios viventes” que caracterizan a súa obra.
“É sinxelo atopar artistas de técnica impecable, pero poucas veces descóbrese a un cuxo estilo non estea catalogado e a súa pintura sexa única e funcione. Estilo propio, é o selo de Raúl Velloso, para dar vida aos edificios”, sinalou Ortiz durante a súa intervención no acto.
No seu discurso a delegada da Xunta tamén incidiu na figura do mestre español, Antoni Tàpies, que viu “esa calidade única en Velloso cando empezaba a pintar en Barcelona e compartiu con el os segredos da pintura, as mesturas e pigmentos”.
A exposición, que o artista terá aberta ata o día 31 de xullo co título “Almazara de cores”, fai honra ao seu nome. Así, Raúl Velloso sinalou que “espremendo a miña paleta de cores aparecen formas que se combinan”. Na mostra, o pintor presenta entre outras obras dous edificios viventes, “O Palacio da Oliva” e “Interatlantic”, e tamén dúas iconas da súa colección particular como son “O Cristo” e “Bacaladera”.




