ANA ORTIZ DESTACA A “RIQUEZA” E AS “OPORTUNIDADES” QUE APORTA O CAMIÑO DA COSTA PARA A ECONOMÍA DOS MUNICIPIOS QUE ATRAVESA
A delegada territorial da Xunta de Galicia participou na inauguración do camping Ledicia Camper Park que xa está en funcionamento en Panxón
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, participou na inauguración do novo camping Ledicia Camper Park, situado na Finca Manzanares de Panxón, en Nigrán. Durante o acto, a representante autonómica destacou a importancia do Camiño Portugués da Costa para os municipios que atravesa.
“Esta ruta non é só unha vía espiritual ou cultural, é unha canle de riqueza e oportunidades que sitúa a Nigrán e ao Val Miñor no mapa internacional. O Camiño tráenos visitantes de todo o mundo, e grazas a iniciativas como Ledicia Camper Park, podemos ofrecerlles infraestruturas á altura da excelencia que Galicia merece”, sinalou.
Ortiz tamén apuntou que desde a Xunta de Galicia “temos moi claro que o papel das administracións é apoiar a quen se atreve a soñar e a crear postos de traballo”, polo que indicou que “seguiremos impulsando axudas directas ao emprendemento e ás empresas que, como esta, apostan pola sustentabilidade e a innovación no sector turístico”.
Ledicia Camper Park conta cun espazo de 32.000 metros cadrados e 131 prazas na histórica leira Manzanares. Ademais, dispón de parque infantil con tirolina, tobogáns, columpios e toda clase de xogos, tamén unha área canina de 500 metros cadrados con xogos de «agility» e piscina para mascotas.



