Ana Ortiz destaca a promoción do Bono Turístico da Xunta con doce establecementos adheridos en Vigo

A delegada territorial en Vigo visitou este luns unha das axencias de viaxes que forman parte da nova campaña de Turismo de Galicia
Os bonos, dos cales máis de 15.000 xa foron descargados por usuarios, poderán desfrutarse en estadías en Galicia do 10 de setembro ao 25 de decembro

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, acudiu este luns á axencia de viaxes Bivestour, un dos establecimentos adheridos dentra da oferta do Bono Turístico posta en marcha polo Goberno galego. Na visita a delegada lembrou que quedan xa poucos bonos dispoñibles tras o éxito da descarga desde o inicio da campaña o pasado 4 de xullo. Os usuarios que desexen descargar o bono turístico da Xunta este 2024 poden facelo a través da páxina web www.bonoturismo.gal.

“A iniciativa estase a consolidar como unha proposta que impulsa a actividade fóra de tempada alta e contribúe a apoiar o sector e con ela o Goberno autonómico busca promover as viaxes en Galicia durante este outono”, sinalou Ortiz. Segundo explicou, polo de agora hai máis de 300 establecementos de aloxamento e axencias nos que poder desfrutar do bono dos que máis de 80 están na provincia de Pontevedra e 12 na cidade de Vigo. Os aloxamentos áinda teñen de prazo para sumarse ata o 2 de decembro.

Pola súa banda, os beneficiarios poderán empregar os seus bonos desde o 10 de setembro ata o 25 de decembro de 2024, ambos incluídos. Como novidade, cada usuario poderá descargar este ano ata dous bonos, polo que poderá contar cun investimento de ata 300€ para gozar dunha estadía o vindeiro outono nalgún dos establecementos que se adhiran.

O Goberno autonómico inviste este ano 1M€ coa previsión de mobilizar no sector 2,5M€ durante o outono. Poranse en circulación máis de 16.000 bonos en formato código QR cun importe de 150€, cofinanciados nun 40% pola Xunta de Galicia en nun 60% polas persoas que o soliciten (os particulares abonarán, polo tanto, 90€ para contar cun bono por valor de 150€), o que supón preto do 47%.

Nestes catro anos puxéronse en circulación máis de 47.000 bonos turísticos e mobilizáronse máis de 14M€: deles, durante a pandemia foron máis de 10M€ (5M€ co bono turístico sociosanitario e 5,8M€ no ano 2021), aos que se suman os 3M€ nos últimos dous anos.