A delegada territorial da Xunta en Vigo e a directora xerente de Galicia Calidade participaron hoxe na presentación oficial do circuito internacional
ANA ORTIZ DESTACA A FORTALEZA DO TURISMO NÁUTICO E O SEU PRESTIXIO INTERNACIONAL COA CHEGADA DA PROBA 44CUP BAIONA 2024
O Monte Real Club de Yates de Baiona acolle do 6 ao 12 de maio unha das competicións de vela máis importantes do mundo
A representante autonómica salientou a capacidade organizativa da entidade e emprazou ás tripulacións participantes a converterse en embaixadores do Camiño
Ana Méndez destacou que na cita participarán 17 empresas co selo de garantía certificadas polo organismo dependente de Turismo de Galicia
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a directora xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, participaron este martes na presentación da 44CUP Baiona 2024, un circuito profesional de máximo nivel que chega a aguas galegas coa presenza de alguns dos mellores regatista da vela mundial.
“Parabéns de verdade, non só pola promoción do deporte, senón polo empuxe que supón para o turismo náutico a diario desde esta marabillosa baía”, sinalou Ana Ortiz durante a súa intervención nos xardíns do club baionés, que acolle a proba internacional desde este lunes ata o vindeiro 12 de maio.
Asimesmo, a delegada lembrou que o evento pon a Galicia “no foco internacional e mediático” nun momento extraordinario para a área de Vigo pola repercusión que está tendo o fenómeno xacobeo. “O Camiño Portugués da Costa experimentou un crecemento imparable e Baiona xa é un punto de referencia, polo que me gustaría que as tripulacións sexades tamén embaixadoras da nosa ruta e da riqueza de Galicia”, sinalou.
Galicia Calidade
A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, salientou a importancia que terá para o turismo galego a celebración desta competición de alto nivel á hora de continuar proxectando a imaxe turística de Galicia no eido internacional, un dos obxectivos da Xunta de Galicia no seu proceso de diversificación.
Recordou, tamén, que a cita conta co apoio da Xunta de Galicia e nela participarán 17 empresas co selo de garantía certificadas polo organismo dependente de Turismo de Galicia que estarán presentes no Village de Galicia Calidade, espazo de ocio efémero que se creará no club con diversos produtos avalados co selo Galicia Calidade.
Regatistas de todo o mundo
Regatistas de todas as partes do mundo participan nesta proba. Tras lograr atraer a Baiona ás soadas 52 Super Series en 2022 e acoller o Mundial da clase J80 en 2023; este ano será o dos RC44, outro monotipo, nunha nova aposta polo modelo de todos os equipos navegando en barcos idénticos.
Esta será a proba máis internacional e unha das máis importantes citas do calendario de regatas do Monte Real Club de Yates en 2024, no que se volve a reservar un lugar destacado ao seu históricos Trofeo Conde de Gondomar e Trofeo Príncipe de Asturias, que este ano cumpren 49 e 39 anos respectivamente, e que se celebrarán, como vén sendo tradición, coincidindo co festivo do 25 de xullo e a primeira fin de semana de setembro.