ANA ORTIZ DESTACA A CONCESIÓN DE AXUDAS PARA A CORRECCIÓN DE IMPACTOS PAISAXÍSTICOS EN VIVENDAS PARTICULARES DA ÁREA DE VIGO
A delegada territorial, Ana Ortiz, visitou unha das actuacións levadas a cabo no municipio de Salvaterra de Miño
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e a alcalde de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, visitaron este xoves a un dos beneficiarios da convocatoria deste ano de axudas para actuacións de correccións de impactos paisaxísticos destinadas a particulares, da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que percibiu unha achega de 3.000 euros para o acondicionamento dun portal da súa vivenda.
Concretamente, os traballos levados a cabo consistiron na substitución dun portal peonil antigo, orixinalmente fabricado en madeira e aceiro, o cal se atopaba en estado de deterioración avanzada, presentando graves danos estruturais e de conservación que facían inviable a súa recuperación, tanto por razóns de seguridade como de funcionalidade.
Segundo lembrou a delegada territorial, estas axudas cobren ata o 70% do orzamento subvencionable, ata un máximo de 3.000 euros, e poden destinarse a actuacións en fachadas, cubertas e muros de peche. Ademais tamén existe a posibilidade de financiar a retirada de elementos adxacentes que prexudiquen a imaxe ou causen algún impacto nos bens nos que se pretende intervir.
Á convocatoria para persoas físicas no caso da área territorial de Vigo beneficiaron este ano a particulares dos municipios de Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Redondela, Fornelos de Montes e Cangas cun investimento total de preto de 20.000 euros.
Durante a visita, Ortiz e Valcárcel destacaron a importancia destas subvencións que se convocan por quinto ano consecutivo á hora de implicar á sociedade na aposta polo fermosismo, unha filosofía promovida pola Xunta e que resulta fundamental para a conservación, mellora e posta en valor da paisaxe galega.

