A delegada territorial anunciou o acordo de colaboración coa directora

ANA ORTIZ COMPROMETE O APOIO DA XUNTA DE GALICIA AO TROFEO DE BAILE INTERNACIONAL VIGO XACOBEO

O concurso alcanza a súa cuarta edición dentro do evento Vigo Porté, que se celebrará do 26 ao 29 de abril
“É un pracer poder colaborar un ano máis cunha cita de enorme dimensión  nacional e internacional”, sinalou a delegada territorial
Xa están inscritos ata o momento máis de 1.000 bailaríns dun total de 38 escolas de danza

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, anunciou este luns o apoio do Goberno galego ao evento internacional de disciplinas de baile Vigo Porté  que se celebrará a vindeira primavera. “É un pracer para a Xunta poder colaborar un ano máis cun evento da dimensión de Vigo Porté, non só pola capacidade que ten para mostrar o labor das nosas escolas de danza e a calidade dos bailaríns, senón tamén pola dimensión internacional que se gañou con esforzo e traballo”, sinalou.

Nun acto na sede da Delegación Territorial viguesa, a representante autonómica e a directora de Vigo Porté, Lorena López, celebraron o apoio institucional para a que será cuarta edición do Trofeo de Baile Internacional Vigo Xacobeo.

A través deste trofeo a Xunta de Galicia continúa prestando soporte a esta iniciativa que se consolidou como un dos eventos de danza de referencia en España e a nivel europeo e que regresará ao Auditorio Mar de Vigo entre o 26 e o 29 de abril.

Ata a data e desde a apertura de inscricións no mes de novembro, Vigo Porté 2024 xa rexistrou máis de 1.000 participantes de 38 escolas de danza nacionais e internacionais que representarán preto de 340 coreografías. O prazo de inscrición finaliza o 25 de marzo.

“Estamos entusiasmados coa celebración desta nova edición, e coa mesma ilusión e ganas que nas primeiras edicións. Vigo Porté é o escenario idóneo para a proxección das escolas de danza e os novos bailaríns, e así o pon de manifesto as cifras de inscricións que rexistramos edición tras edición”, apunta Lorena López, directora de Vigo Porté.

A directora do evento móstrase moi agradecida á Xunta polo apoio incondicional. “Queremos agradecer unha vez máis á Xunta de Galicia, a súa aposta polo evento, pola danza e por Vigo. Grazas á súa colaboración, Vigo Portei pode continuar realizándose un ano máis na nosa cidade”, indicou.