Ana Ortiz clausura o Programa de Emprego de Garantía Xuvenil de Redondela no que se formaron 16 alumnos e alumnas en deseño gráfico e hostalería
A delegada territorial de Xunta en Vigo salienta o compromiso do Goberno galego por incrementar as oportunidades e a estabilidade laboral das persoas sen emprego a través de formación
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, clausurou este martes o programa de emprego de garantía xuvenil de Redondela que formou durante o último ano a 16 mozos e mozas en especialidades de hostalería e deseño gráfico. O curso impartido polo Concello de Redondela cunha achega de 435.460,96 euros da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Ortiz, que estivo acompañada pola alcaldesa, Digna Rivas, animou aos participantes a aproveitar a oferta formativa e laboral para incrementar as posibilidades de atopar un traballo. “A formación que recibides durante o último ano son unha ventá ao mercado de traballo e tanto a cidade como o resto de Galicia, a sociedade e as empresas, necesitan xente formada, aí é onde tedes a vosa oportunidade”, destacou.
Durante os últimos doce meses o alumnado formouse en dúas especialidades totalmente diferenciadas. Por unha banda, no ámbito da hostelería coa formación de servizos de bar e cafetería co complemento da formación de operacións básicas de cociña. Por outra banda, deseño gráfico para a comunicación, mediante a elaboración de diverso material gráfico para o concello.
A delegada da Xunta enfatizou o compromiso do Executivo galego por incrementar as oportunidades e a estabilidade laboral dos galegos e galegas, cunha formación adaptada ás demandas reais do mercado e en colaboración cos concellos.
Fixo así especial fincapé na ampla dimensión destes programas, por canto melloran a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade, con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo.