ANA ORTIZ CHAMA Á SOLIDARIEDADE DA CIDADANÍA VIGUESA PARA PARTICIPAR NA NOVA CAMPAÑA “CADA NENO UN XOGUETE”

A delegada da Xunta participou na presentación da iniciativa que xa repartiu 134.000 xogos entre os pequenos vigueses desde o ano 2009

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou este sábado na presentación da campaña “Cada neno un xoguete 2025” que impulsa a Asociación Stop Vigo para levar miles de regalos o próximo Nadal ata as casas dos máis pequenos. Durante o acto celebrado no Centro Comercial Camelias, a representante autonómica destacou a solidariedade dos vigueses na iniciativa que xa cumpre a súa décimo sétima edición.

Acompañada pola vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez; da directora do centro comercial, Sandra Rodríguez, e o organizador da campaña, Carlos Leiro, a delegada felicitou aos impulsores da campaña solidaria e agradeceu a colaboración de entidades privadas e voluntarios.

A recolecta de agasallos comezou o pasado 1 de outubro e finalizará o vindeiro 23 de decembro. “Temos que conseguir que todos os nenos sorrían este Nadal porque a súa alegría será a nosa e por iso gustaríame tamén pedir a todos os vigueses que participen e doen”, sinalou Ortiz.

Na edición do pasado ano 2024 foron recollidos máis de 23.000 xoguetes e ao longo das  edicións celebradas a suma elévase ata máis de 134.000 regalos doados. En 2024, a campaña foi galardoada nos XXX Premios Ciudadanos e o acto de entrega celebrouse o 21 de novembro no salón de actos da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial.