ANA ORTIZ APOSTA POR VISIBILIZAR ÁS PERSOAS CON DANO CEREBRAL ADQUIRIDO E FELICITA AO COLECTIVO ALENTO POLOS SEUS 25 ANOS DE TRABALLO

A delegada territorial, Ana Ortiz, e a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, participaron na presentación do festival solidario da asociación viguesa

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz,  participou este mércores xunto á vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, na presentación do festival solidario co que Alento (Asociación de Dano Cerebral Adquirido) festexará, este sábado 24 de maio en Navia, os seus 25 anos de existencia. No marco do festival realizarase a tortilla máis grande da historia de Vigo, para o que se necesitarán ingredientes como 1.700 ovos ou 150 quilos de patacas, e haberá actividades como música en directo e obradoiros educativos e creativos.

“Parabéns a Alento Vigo polo voso traballo, sodes sen ningún tipo de dúbida un dos mellores exemplo das comunidades que poñen en valor a dignidade das persoas e o seu papel na sociedade na que nos atopamos”, sinalou a representante autonómica durante o acto celebrado no Work Café Santander da rúa Príncipe.

Ortiz destacou o labor que leva a cabo o colectivo na tarea de visibilizar ás persoas afectadas e tamén as súas familias. “Celebro que 25 anos despois sigades traballando para visibilizar aínda máis a concienciación sobre o dano cerebral cun evento que reúne á vosa comunidade e a empresas e institucións comprometidas con esta causa”, sinalou.

Pola súa banda, Luisa Sánchez animou a cidadanía da provincia a asistir ao evento, que permitirá financiar os servizos que presta o colectivo na cidade coa compra das racións de tortilla ou adquirindo produtos de merchandising.

“Organizamos un aniversario ao grande co obxectivo de abrirnos á cidade, dar a coñecer a asociación e tamén como agradecemento a Vigo polo seu apoio e compromiso coas persoas afectadas por dano cerebral adquirido en todos estes anos”, destacou o director xerente de alento, Gonzalo Mira, que convidou “a toda a cidade” a achegarse a gozar dunha tortilla histórica e máis dunha decena de actividades para toda a familia.

O acto dará comezo ás 17:00 horas coa saída do grupo de percusión ‘Lenha Verde’ que fará un pasacalles dunha hora polo barrio de Navia. A esa mesma hora, activarase a zona cero do evento coa actuación da Coral de Teis. De 17:30 a 18:30 horas actuará o pallaso Abraitz no escenario principal. A partir das 18:00 horas haberá unha hora de portas abertas en Alento para que os asistentes que así o desexen coñezan a asociación. Ás 18:00 horas comezará tamén a elaboración da tortilla xigante e ás 19:45 horas comezará o espectáculo do mago Xulio Merino. Ás 21:15 horas actuará o grupo vigués ‘A Síndrome de Penny Lanne’, que pechará o evento.