ANA ORTIZ ANIMA Á CIDADANÍA VIGUESA A DONAR REGALOS E PARTICIPAR NA NOVA CAMPAÑA “CADA NENO UN XOGUETE”

A delegada da Xunta visitou as instalacións da ONG que xa repartiu 134.000 xogos entre os pequenos vigueses desde o ano 2009

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou este xoves as instalacións da Asociación Stop Vigo que leva a cabo a campaña “Cada neno un xoguete 2025” para levar miles de regalos este Nadal ata as casas dos máis pequenos. Durante o percorrido polos locais, a representante autonómica destacou a solidariedade dos vigueses na iniciativa que xa cumpre a súa décimo sexta edición.

Ana Ortiz felicitou aos impulsores da campaña solidaria e agradeceu a colaboración de entidades privadas e voluntarios. A recolecta de agasallos comezou o pasado 1 de outubro e finalizará o vindeiro 23 de decembro. “Temos que conseguir que todos os nenos sorrían este Nadal porque a súa alegría será a nosa e por iso gustaríame tamén pedir a todos os vigueses que participen e doen”, sinalou Ortiz.

Na edición do pasado ano 2024 foron recollidos máis de 23.000 xoguetes e ao longo das  edicións celebradas a suma elévase ata máis de 134.000 regalos doados. En 2024, a campaña foi galardoada nos XXX Premios Ciudadanos e o acto de entrega celebrouse o 21 de novembro no salón de actos da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial.