ANA ORTIZ ANIMA Á CIDADANÍA A MERCAR NO COMERCIO LOCAL NA NOVA CAMPAÑA DO DÍA DA NAI NA ZONA NÁUTICO DE VIGO

A delegada territorial da Xunta salienta a iniciativa para “promover o consumo nos establecementos de proximidade”

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou este luns a campaña do “Día da Nai” da man do Centro Comercial Aberto Zona Náutico, representado polo seu presidente, César Ballesteros. No acto, celebrado no establecemento Nuba, na rúa Serafín Avendaño, a representante autonómica destacou o apoio do Goberno galego ao comercio local para “promover o consumo”.

“Esta iniciativa incentiva as compras nunha das zonas máis visitadas da cidade, tanto por turistas como polos cidadáns, aos que animo a comprar nos establecementos de proximidade”, sinalou. Ortiz destacou a liña de axudas outorgada tanto a asociacións de comerciantes como federacións, así como as subvencións para implantar e impulsar a estratexia dixital e modernizar o sector comercial.

Ortiz tamén indicou que a través desta campaña, os responsables de Zona Náutico, pretenden dar visibilidade a área comercial de toda contorna, un espazo aberto ao mar no centro da cidade. A campaña, que comeza este luns e remata o 4 de maio, pretende estimular as compras directas nos establecementos asociados.

César Ballesteros, presidente da Zona Náutico, explicou que durante esta iniciativa sortearanse cinco tarxetas de 100 euros entre os clientes con compras mínimas de 12 euros. Ademais, a participación pode duplicarse no caso de que os compradores publiquen unha foto nas redes sociais do local ou do producto etiquetando ao establecimiento e á asociación Zona Náutico.