Ana Ortiz anima á cidadanía a comprar nos mercados e prazas de abastos pola “garantía de calidade, servizo e atención”

A delegada territorial da Xunta presentou este xoves en Baiona a campaña de promoción “Quero o teu mercado”

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, animaron este sábado a todos os consumidores a comprar nos mercados e prazas de abastos pola súa “garantía de calidade, servizo e atención”. Así o fixeron durante a súa visita a un dos mercados de Galicia nos que se celebran hoxe unha serie de eventos para atraer clientes.

“Dende hai cinco anos a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, celebra a campaña “Quere o teu mercado”, co obxectivo de apoiar, promover e visibilizar o papel dos mercados nas cidades, potenciando así a compra do produto local ao mostrar a profesionalidade dos praceiros”, sinalou a representante autonómica.

Ortiz animou desde o mercado de Baiona a todos os asistentes a sumarse a esta campaña coa que se busca dinamizar estes espazos achegándose á cidadanía para potenciar a compra do produto local, ademais de poñer en valor o bo facer dos profesionais. “Os nosos mercados e prazas son garantía de calidade, servizo e atención ao cliente”, sinalou.

A campaña internacional Quere o teu mercado na súa edición 2024, celébrase en Galicia o Día do Mercado, o 25 de maio, unha iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración coa que se busca promover os mercados e prazas de abastos de Galicia.

Esta ano participarán máis de 900 profesionais de 41 mercados emprazados en 26 concellos de toda a xeografía galega (19 de Pontevedra, 16 da Coruña, 4 de Ourense e 2 de Lugo). Ao longo da xornada desenvolveranse diversas actividades entre as que destacan a realización de showcookings, actuacións musicais, sorteos de cestas de produtos do mercado, obradoiros infantís ou concurso de debuxos.