ANA ORTIZ ANIMA Á CIDADANÍA A ACUDIR AO PARTIDO DE BALONCESTO FEMININO ENTRE CELTA E ENSINO NO MARCO DOS ACTOS DO 25-N

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo presentou na Casa do Deporte de Vigo o encontro que se celebrará en Navia o vindeiro sábado e que se levará a cabo co lema da campaña “Contra a violencia de xénero”

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, participou este martes na presentación do partido da Liga Endesa de Baloncesto Feminino que se disputará o vindeiro sábado en Navia e que está enmarcado nos actos do 25-N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A representante autonómica animou á cidadanía a asistir ao encontro que será o primeiro derbi galego da temporada.

“A loita contra a violencia sobre as mulleres é unha preocupación de toda a sociedade e amosar a nosa repulsa publicamente é o primeiro paso para que desapareza esta lacra”, sinalou Ana Ortiz. A delegada felicitou aos dous clubs galegos pola iniciativa e desexou sorte a ambos equipos na máxima categoría do baloncesto nacional.

Ortiz sinalou que o encontro do vindeiro sábado é unha boa oportunidade para “fomentar a formación e a educación desde as idades máis temperás, co obxectivo de ensinar a nenos e nenas o respecto pola igualdade e o rexeitamento de todo tipo de violencia”. O partido disputarse o vindeiro 25 de novembro (17:00 horas) no pavillón vigués de Navia  co lema “Contra a violencia de xénero” e será retransmitido pola Televisión de Galicia.