Alfonso Villares pon en valor a calidade dos produtos do mar e insiste no fomento do seu consumo dende o interior de Pontevedra

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou a peixería Chedas e así comos as peixerías do Novo Mercado da Estrada onde puxo en valor os esforzos realizados desde a Xunta na promoción continúa dos produtos pesqueiros galegos tanto na costa como no interior da comunidade. O titular de Mar, acompañado polo rexedor estradense, Gonzalo Louzao, enxalzou a calidade e sabor do peixe e marisco galegos e resaltou os importantes beneficios que hai detrás do seu consumo grazas á súa riqueza nutritiva. Nesta liña, recordou que a presenza destes alimentos é fundamental en calquera dieta equilibrada e saudable como a dieta atlántica.

Por outra banda, o responsable autonómico fixo un recoñecemento aos profesionais que rexentan estes establecementos, puntos de venda referentes no municipio, e que exercen como os mellores embaixadores e difusores da propiedades e calidades dos produtos do mar de Galicia. Tamén reclamou que o Goberno central acompañe e apoie o fomento do consumo destes alimentos rectificando a súa negativa a rebaixar o IVE ao peixe, mariscos e conservas como si se fixo con outros da cesta da compra. Unha decisión moi demandada polo propio sector e que tería efectos moi positivos na saúde da cidadanía así como na actividade económica do conxunto da cadea mar-industria que emprega a máis de 50.000 persoas na comunidade e que representa ao redor do 5% do PIB galego.