No XXVI Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas que se desenvolve no Grove

Alfonso Villares avanza que Galicia seguirá impulsando a valorización do sector acuícola como elemento estratéxico para a economía de Galicia

Proba delo é que a comunidade é unha das rexións líderes nesta actividade en Europa, ao albergar máis de 2.600 empresas que xeran máis de 5.600 empregos e unha facturación que supera os 200 millóns de euros
Ademais do conselleiro, no simposio tamén participaron o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica e distintos representantes do Cetmar

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, avanzou hoxe no XXVI Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas (ForoAcui), que se desenvolve ata mañá no Grove, que Galicia seguirá impulsando a valorización deste sector como elemento estratéxico para a economía da comunidade. Proba delo é que, segundo relatou, na comunidade esta industria alberga a 2.600 empresas que dan traballo a máis de 5.600 persoas, alcanzando unha facturación que supera os 200 millóns de euros.

Asemade, e segundo o informe Estado Mundial de Pesca e Acuicultura (SOFÍA 2024) da Food and Agriculture Organization of the United Nations (FAO) feito público a semana pasada en Conxemar, a produción mundial alcanzou en 2022 un récord de 130,9 millóns de toneladas, representando a acuicultura o 59% da produción acuática total.

Con estes datos que amosan claramente a crecente dependencia deste sector para satisfacer a demanda mundial de alimentos acuáticos, así como o seu potencial para fortalecer a seguridade alimentaria e a nutrición global, marcando un camiño cara unha maior sustentabilidade no uso dos recursos acuáticos, o conselleiro apuntou que foros como este cobran máis importancia se cabe,  pois aglutinan o traballo conxunto do colectivo investigador, do tecido empresarial e da administración á hora de xerar coñecemento á area dos recursos mariños.

Industria da acuicultura galega

Galicia é unha das rexións líderes nesta actividade en Europa. Os bivalvos acaparan o 58% do total en peso e case as dúas terceiras partes en valor. Destaca, principalmente, o mexillón que representa o 93,5% do total e o 51,4% do volume de negocio (120 millóns de europeas). Asemade, os peixes de cultivo simbolizan un 42% de todo o valor da acuicultura mariña, alcanzando as 10.500 toneladas e unha facturación de 97,7 millóns de euros. Tal é así que a comunidade é líder en tecnoloxía de produción de peixes planos, xerando o 99% do total nacional.

No caso do rodaballo, esta categoría rozou unha produción de 9.600 toneladas, situando a Galicia como o maior produtor da Unión Europea. O linguado tamén rexistrou cifras récord. Con máis de 890 toneladas e un incremento da facturación do 16,5%, fan que a comunidade aporte máis de dúas terceiras partes de toda a capacidade produtiva desta especie en España.

Representación da Xunta

O simposio, que deu comezo hoxe, dispón de seis mesas nas que se abordan aspectos como a investigación, a pesca de baixura, o marisqueo, o cultivo e todo proceso que xira en torno a este proceso, tanto dende o punto de vista da diagnose, como empresarial. Ademais do conselleiro, o foro contou coa participación doutros representantes da Consellería que dirixe Alfonso Villares. É o caso do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, que foi o encargado de inaugurar o encontro, e de representantes do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR).