ACORDO ENTRE A XUNTA E A AXENCIA EUROPEA DE CONTROL DA PESCA PARA CELEBRAR O DÍA DE EUROPA NO MUSEO DO MAR DE GALICIA
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantivo hoxe unha reunión coa directora da Axencia Europea de Control da Pesca (AECP), Susan Steele, na que acordaron celebrar o Día de Europa no Museo do Mar de Galicia.
Deste modo, o acto que tradicionalmente se celebraba nas instalacións da propia AECP en Vigo terá lugar o vindeiro 9 de maio no centro museístico situado en Alcabre.
Asemade, Fernández-Tapias e Steele tiveron oportunidade de analizar outras posibles vías de colaboración entre ambas entidades. Entre elas, facilitar a chegada á cidade das 19 familias dos traballadores e traballadoras que pronto se incorporarán a Axencia Europea de Control da Pesca, con asesoramento nos ámbitos de competencia autonómica.