A Xunta vita a favor da cesión de dúas parcelas ao Concello de Vigo mentres os concelleiros do PSOE volven a bloquear a sede do CGAC
A presidenta do CCVV e delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, lamenta este novo ataque á cultura e insiste en que non vai admitir chantaxes
“Non podemos debater o que non existe, unha solicitude incompleta por parte do Goberno local para ocupar os locais, que non estaba prevista na orde do día”, di
“Nós traballamos polo ben de Vigo e calquera proxecto que contribúa ao seu avance e desenvolvemento teranos da súa parte”, apuntou a presidenta
A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo e delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou hoxe dos acordos adoitados no consello de administración do organismo público, coa aprobación tras o voto favorable dos membros da Xunta de Galicia da cesión ao Concello de Vigo de dúas parcelas na rúa Santiago, imprescindibles para o desenvolvemento da contorna da panificadora.
Neste mesmo consello no que se deu conta da liquidación do exercicio de 2020 rexeitouse sen embargo a proposta da constitución dun dereito de superficie sobre Berbés 7, onde se expuña a construción por parte do Executivo autonómico dunha sede do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), ao absterse na votación os membros representados do Goberno municipal.
Neste sentido, a presidenta do ente rehabilitador sinalou a falla de interese por parte dos representantes socialistas de que a Xunta constrúa unha sede do CGAC, “non a queren”, advertiu. Así, lamentou que unha vez máis este proxecto se vexa bloqueado por quen non cree no desenvolvemento da cultura nesta cidade. “Nós traballamos polo ben de Vigo e calquera proxecto que contribúa ao seu avance e desenvolvemento teranos da súa parte”, apuntou Fernández-Tapias.
Sobre a insistencia da concelleira María José Caride de vincular o seu voto favorable ao CGAC á cesión dos locais do Casco Vello propiedade do Consorcio, a delegada foi taxante ao afirmar que “non podemos debater o que non existe, unha solicitude incompleta por parte do Goberno local para ocupar os locais, que nin sequera estaba prevista na orde do día”. Neste sentido, insistiu en que único proxecto que existe como tal para ocupar estes locais é o presentado pola Xunta fai máis dun ano e ao que, recordou, tamén votaron en contra os concelleiros do PSOE.
“Espero que teñan claro que esta decisión non vai en contra da Xunta, vai en contra da cidade e dos vigueses e é un ataque directo á cultura”, subliñou, para volver a reiterar que non vai a admitir ningún tipo de chantaxe ou presión de quen quere impoñer a súa vontade a costa de que saían perdendo os vigueses.
Así, fronte a unha actitude que cualificou de obstrucionista, explicou o seu apoio á cesión das parcelas da panificadora porque “é un proxecto bo para cidade e por tanto ten a aprobación da Xunta de Galicia e da presidencia deste organismo”, aseverou.