A XUNTA ÚNESE Á REGATA LA SOLITAIRE DU FIGARO 2026 E XA PLANIFICA COA FUNDACIÓN TRASLATIO A SÚA CHEGADA A VIGO

A delegada territorial, Ana Ortiz, presenta a nova edición da proba francesa que recalará por segundo ano consecutivo na cidade
Do 20 ao 24 de maio, Vigo acollerá unha vez máis a etapa máis importante da lendaria regata oceánica na súa 57ª edición
O Goberno galego apoiará o evento xunto coa Deputación de Pontevedra e a Autoridade Portuaria de Vigo

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, anunciou este venres o acordo do Goberno galego, a través de Turismo de Galicia no marco do Xacobeo 2027, coa Fundación Traslatio para apoiar, xunto á Deputación de Pontevedra e á Autoridade Portuaria de Vigo, a chegada da emblemática regata La Solitaire du Figaro 2026 este mes de maio ao porto vigués.

Segundo explicou a representante autonomica, Vigo será a chegada da primeira etapa e o punto de partida da segunda etapa, onde 35 barcos procedentes de Francia encherán de cor durante catro días a dársena de Portocultura. A proba contará cun village de acceso público con actividades gratuítas para todos os asistentes.

Ana Ortiz afirmou que “estamos encantados de acoller de novo a Figaro en Vigo, porque este evento non só destaca a rica tradición náutica da nosa cidade, senón que tamén fomenta o turismo e a actividade económica local”.

Pola súa banda, Mario Cardama remarcou o carácter público do evento e destacou que “é unha oportunidade única para que o público goce da emoción da vela de preto. Animamos a todos os cidadáns a que se unan a nós para celebrar este espectacular evento”.