A Xunta trasladará o Centro de Formación do Profesorado de Vigo ao Edificio anexo do CEIP Virxe do Rocío
A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, acompañada dos equipos directivos dos dous centros, visitou o edificio para analizar a organización dos espazos de xeito que se compatibilicen os actuais usos coas necesidades do centro formativo
Estas instalacións van ser obxecto dunha mellora por parte da Consellería de Educación co fin de optimizar o seu aproveitamento en beneficio da comunidade escolar
A Xunta de Galicia trasladará o Centro de Formación do Profesorado (CFR) de Vigo ao edificio anexo do CEIP Virxe do Rocío, unhas instalacións educativas que van ser acondicionadas para optimizar o seu aproveitamento en beneficio do conxunto da comunidade escolar.
A delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, acompañada do xefe territorial de Educación na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares, visitou esta mañá o edificio para analizar in situ as necesidades dos espazos e a súa reorganización e poñer en común o proxecto cos equipos directivos do colexio e do CFR, que tamén estiveron presentes no percorrido.
A decisión de levar a este edificio a sede do CFR é compatible co mantemento dos usos actuais do edificio. Nestes momentos, hai unha parte do mesmo que se utiliza para actividades complementarias e extraescolares, pero o edificio conta cunha gran amplitude de espazos sen uso que van ser obxecto dun maior aproveitamento. Para iso, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade está analizando as melloras a acometer nesta instalación, que redundará en beneficio do conxunto da comunidade educativa do CEIP Virxe do Rocío.
A decisión do traslado do CFR ao edificio anexo do CEIP Virxe do Rocío vén determinado pola decisión do Concello de expulsalos das instalacións onde levan funcionando como escola de formación de profesores de Vigo e de toda a zona sur da provincia desde hai máis de 30 anos. Un centro que no que levamos de curso leva realizadas preto de 1.000 actividades formativas coa participación duns 14.000 profesores.
Por tal motivo, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade leva semanas analizando distintas opcións para garantir unha solución organizada e ben planificada e que agora se vai materializar neste colexio.