A XUNTA TRAE A VIGO REINVENTIO, O ESPECTÁCULO GALEGO DE GRAN FORMATO CON MAXIA, CIRCO E DANZA

A delegada territorial, Ana Ortiz, e o creador Martín Varela presentaron este martes as dúas funcións que acollerá Vigo
A xira 2025/2026 inclúe nove funcións en sete cidades galegas e a estrutura da obra ofrece 25 números distribuídos en catro actos

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, participou este martes na presentación do espectáculo Reinventio que ofrecerá dúas funcións na cidade este mes de decembro. A representante autonómica, que estivo acompañada polo creador da obra, Martín Varela, destacou o apoio do Goberno galego ao evento a través de Turismo de Galicia.

“A promoción da cultura é un dos obxectivos da Xunta de Galicia polo que iniciativas como Reinventio son prioritarias para que cheguen ao máximo público posible”,sinalou Ana Ortiz. Durante a presentación, a artista suíza Milena Blatter levou a cabo unha pequena actuación no hall do Teatro Afundación, escenario das dúas funcións programadas para o vindeiro 14 de decembro.

Pola súa banda, o creador do espectáculo, Martín Varela, sinalou que “queremos que o espectador deixe de pensar en que está a ver e se entregue ao que sente”. Ademais, apuntou que concibe Reinventio como un territorio escénico onde “maxia, danza e circo funcionan como unha linguaxe común”. A estrutura da obra ofrece 25 números distribuídos en catro actos, que acompañan a viaxe simbólica entre a escuridade e a luz.

Segundo explicou Martín Varela, ao longo dos seus 90 minutos sen descanso, Reinventio constrúe unha viaxe continua que conecta simbolicamente co espírito do Camiño de Santiago: un percorrido no que cada escena funciona como metáfora de transformación persoal e da capacidade de reinventarse. Esa é tamén a esencia da proposta: un espectáculo galego de gran formato, pensado e producido en Galicia, que aspira a chegar ao gran público sen renunciar á sensibilidade artística nin ao coidado polo detalle.

A xira 2025/2026 inclúe nove funcións en sete cidades. Tras a estrea os días 12 e 13 de decembro no Teatro Jofre de Ferrol, Reinventio chegará a Vigo o 14 de decembro (Teatro Afundación), para despois continuar por Ourense (20 de decembro, Auditorio Municipal), Pontevedra (26 de decembro, Auditorio Sede Afundación), Lugo (27 de decembro, Auditorio Fuxan os Ventos), A Coruña (3 e 4 de xaneiro, Teatro Colón) e Santiago de Compostela (17 de xaneiro, Auditorio de Galicia).