A Xunta sortea entre os seus adxudicatarios as 24 vivendas de Promoción Pública na rúa Canicouva no concello de Vigo

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presidiu esta mañá o sorteo de asignación das vivendas no salón de actos da Delegación Territorial
O IGVS investiu 3,4millóns de euros na construción destas vivendas

O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) sorteou hoxe entre os seus adxudicatarios as 24 vivendas de promoción pública construídas pola Xunta de Galicia na rúa Canicouva (Chantada) no Concello de Vigo, e que se suman ás 33 asignadas o pasado mes de outubro na rúa de Ignacio Grobas.

A delegada territorial na comarca viguesa, Marta Fernández-Tapias, salientou que estas actuacións responden á ambiciosa política de Vivenda da Xunta, que marcase como prioritario a construción de vivendas protexidas nas grandes cidades galegas, onde a demanda é maior e onde se ten acreditado maiores necesidades. Subliñou que este tipo de intervencións teñen como obxectivo facilitar o acceso a unha vivenda a tódalas familias que precisen axuda para iso, posibilitando fogares a un custe asumible na cidade de Vigo.

En conxunto, 62 novas vivendas de promoción pública, cun investimento autonómico que, en total, supera os 8,4 millóns de euros, para poñer estas vivendas a disposición dos cidadáns de Vigo.

Fernández-Tapias foi a encargada de presidir este sorteo de asignación que se celebrou na Delegación Territorial e ante notario, xunto ao xefe provincial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, José Manuel González González, e a xefa de área do IGVS, María Martínez Allegue, nun acto ao que estaban convocados os adxudicatarios das vivendas.

A vivenda adxudicada, así como as condicións, prezo e instrucións sobre os trámites a realizar por cada adxudicatario antes da entrega comunicaranse dende o IGVS, de forma individualizada.

Trátase de inmobles de 4, 3 ou 2 dormitorios, 3 deles adaptados a persoas con mobilidade reducida, que contan con garaxe e rocho, patio exterior e con acabados de calidade. Ademais, indicou a representante autonómica, localízanse nunha zona estratéxica da cidade como é o acceso á Universidade e ao Hospital Público Álvaro Cunqueiro.

As vivendas foron adxudicadas por lotes, en función do número de integrantes da unidade familiar, segundo se indica deseguido.

Na adxudicación das vivendas adaptadas para mobilidade reducida tiveron preferencia, en primeiro lugar, aquelas persoas que precisan de cadeira para os seus desprazamentos ou dependen absolutamente de dous bastóns para deambular. En segundo lugar as persoas que tiveran acreditada unha enfermidade ou discapacidade permanente e que, polo seu desenvolvemento, fora un impedimento para desprazarse sen axuda ou que afectase notoriamente á súa mobilidade.

As vivendas adxudicáronse en réxime de alugueiro nos casos nos que os ingresos da unidade familiar non superan 1,5 veces o Iprem e en réxime de compravenda nas unidades con ingresos entre 1,5 e 2,5 veces o Iprem.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo investiu 3,4 millóns de euros na construción destas vivendas.