A Xunta solicita a declaración de Interese Xeral do Estado das actuacións precisas  para garantir o abastecemento de auga a Vigo

A directora e o xerente de Augas de Galicia participaron hoxe na xuntanza  coa Confederación Hidrográfica de Miño-Sil e co Concello de Vigo na que se acordou pechar o traballo  de análise das alternativas sobre o abastecemento

A Xunta manifestouse en contra de que se recolla como actuación prevista o transvase de auga do río Verdugo ao río Oitavén, posto que o propio estudo acredita que non solucionaría os posibles problemas de abastecemento en ningún escenario.

O estudo realizado acredita sobradamente que a Xunta estaba no certo cando sinalaba os problemas da potabilizadora do Casal como o problema máis urxente do abastecemento de auga a Vigo.

O Goberno galego demanda que se siga en Vigo o mesmo procedemento de declaración de actuacións de Interese Xeral do Estado que se empregou cos abastecementos de Lugo, Pontevedra e Ourense.

A Xunta de Galicia solicita que o Goberno de España declare como actuacións de Interese Xeral do Estado as obras necesarias para garantir o abastecemento de auga a Vigo e ao sur da provincia de Pontevedra.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e o xerente da entidade, Gonzalo Mosqueira, participaron hoxe na xuntanza da comisión de seguimento do estudo de alternativas de abastecemento de auga na zona sur da provincia de Pontevedra, xunto coa Confederación Hidrográfica de Miño-Sil e o Concello de Vigo.

A Xunta, o Concello de Vigo e a Confederación Hidrográfica de Miño-Sil firmaron no ano 2019 un acordo para a realización dese estudo, que foi cofinanciado polas tres administracións e contratado polo organismo de bacía estatal.

Na xuntanza de hoxe acordouse dar por finalizados os traballos de análise das alternativas e comezar  a tramitación ambiental do conxunto de actuacións da solución  finalmente sinalada como a máis conveniente.

Os representantes de Augas de Galicia trasladaron o seu desacordo con certos aspectos, tales como o incremento da demanda potencial estimado ou os cálculos sobre as achegas de auga previstas para o período de referencia.

En canto ás solucións previstas na alternativa sinalada como idónea nas conclusións do estudo, a directora de Augas de Galicia reiterou a disconformidade da Xunta coa necesidade de acometer un transvase de auga desde a bacía do río Verdugo ata o río Oitavén. A dispoñibilidade de auga na bacía do río Verdugo é moi limitada e xa presenta na actualidade problemas de escaseza, polo que este trasvase non permitiría resolver os problemas de abastecemento de Vigo en ningún escenario posible de escaseza, tal e como queda acreditado en diferentes apartados do propio estudo.

Doutra banda,  o estudo realizado acredita sobradamente que a Xunta estaba no certo cando sinalaba de forma reiterada ao longo dos últimos anos que os problemas da potabilizadora municipal do Casal, en Vigo, como o problema máis urxente do abastecemento de auga.

Dada a magnitude e a complexidade das solucións previstas no estudo: bombeo desde o río Miño ao encoro de Zamáns; nova presa augas  arriba no río Oitavén; duplicación do túnel de Amoedo e conexión entre Nigrán e Gondomar mediante condución de gravidade, a Xunta considera imprescindible a declaración de Interese Xeral do Estado.

Con isto, o Goberno galego está a solicitar que se aplique  en Vigo o mesmo procedemento adoptado para os abastecementos de auga de Lugo, Pontevedra e Ourense, declarados no seu día de Interese Xeral do Estado.