A XUNTA RATIFICA A PRESENZA DE METAIS PESADOS NA AUGA DE ACOMETIDAS MUNICIPAIS DE BEADE, EN VIGO, E EMPRAZA A GARANTIR AS CONDICIÓNS SANITARIAS DE CONSUMO

As novas mostras recollidas por Saúde Pública confirman que se superan os límites establecidos en varios puntos da rede da Zona de Abastecemento de Quintián-Vigo
O Goberno galego notifica ao Concello e á concesionaria para que se investigue a procedencia dos metais e aporte no prazo dunha semana un cronograma coas intervencións

A Xunta de Galicia notificou ao Concello de Vigo e a empresa Aqualia, responsable da concesión municipal do subministración de auga, os novos resultados das mostras recollidas en diferentes días do pasado mes de febreiro en varios puntos da rede da Zona de Abastecemento de Quintián-Vigo (contorna do IES Beade) por inspectores farmacéuticos de Saúde Pública, dependentes da Consellería de Sanidade, nas que se ratifica, tal e como sucedera nas anteriores probas, a presenza de metais pesados (chumbo, ferro e níquel).

As  mostras recollidas por Saúde Pública en catro puntos diferentes do exterior do recinto do centro educativo confirman que existe unha alta concentración en acometidas municipais desa zona. Con tal motivo, o Departamento Territorial da Consellería de Sanidade comunicou os resultados tanto ao Concello de Vigo como á empresa concesionaria FCC Aqualia, instando á “identificación dos materiais da rede, das derivacións e das acometidas, e a presenza ou non de válvulas antiretorno e chaves de corte antes de cada acometida”.

Sanidade tamén solicita documentación técnica ou declaración responsable do fabricante dos materiais ou produtos que entren en contacto coa auga que demostre que están adaptados e “información sobre as actuacións desenvolvidas para garantir que esta situación non se estea a producir noutras zonas deste abastecemento”.

Así, segundo explica a notificación, dispoñen dun prazo dunha semana para “acreditar as actuacións realizadas para investigar a procedencia dos metais, aportar un cronograma coas intervencións proxectadas e enviar a documentación solicitada”. Tamén indica que de persistir nos incumprimentos, poderán ser cualificados como infraccións segundo a normativa vixente e “de non atender ó presente requirimento podería ser cualificado como infracción grave”.

Instalacións educativas de polietileno

Xa o pasado mes de febreiro, o director territorial de Educación, César Pérez Ares, acompañado da xefa da Unidade Técnica e da directiva do IES Beade, así como dun representante da empresa das subministracións, visitaron o IES Beade para comprobar o bo estado de instalacións e circuítos, dando constancia de que todas as tubaxes de consumo de auga son de polietileno (dende o contador da fachada ata o interior), polo que xa se demostraba que a presenza de chumbo procede das acometidas exteriores.