A XUNTA PLANIFICA UN INVESTIMENTO DE MÁIS DE 25 MILLÓNS EN GRANDES INFRAESTRUTURAS EDUCATIVAS DE VIGO ATA 2025

A delegada territorial da Xunta en Vigo visitou este luns o novo taller de fotografía do IES Audiovisual de Bouzas construído cunha achega de 42.000 euros da Consellería de Educación
“O que debería facer o alcalde é dar o visto e prace ao convenio que destina 12 millóns de euros ao novo IES de Navia, convenio que xa ten sobre a súa mesa desde hai un mes e que aínda non asinou», sinalou

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou este martes durante unha visita ao IES Audiovisual de Bouzas sobre o plan de investimentos da Xunta de Galicia en grandes infraestruturas educativas de Vigo para o período 2022-2025. Segundo indicou, a Consellería de Educación ten previsto destinar 25 millóns de euros, dos que 6,4 xa están en execución ou aprobados e outros 1,4 adícanse a gastos de mantemento e obras entre 2021 e 2022.

A representante autonómica saía así ao paso das declaracións do alcalde sobre o IES San Tomé, onde o investimento supera os 1,2 millóns. “O que debería facer o alcalde, se é que en realidade quere que a Xunta invista en Vigo, é dar o visto e prace ao convenio que destina 12 millóns de euros ao novo IES de Navia, convenio que xa ten sobre a súa mesa desde hai un mes e que aínda non asinou», sinalou Fernández-Tapias.

Ademais, explicou que a día de hoxe a Xunta contempla unha trintena de grandes actuacións con investimentos en 27 centros educativos do municipio de Vigo para o período de 2022 a 2025, entre os que se inclúen os mencionados San Tomé e Navia.

San Tomé, CSM e Virxe do Rocío

A delegada territorial engadiu que xa están en execución 2,6 millóns en tres infraestruturas (San Tomé, Conservatorio Superior de Música e CEIP Virxe do Rocío), hai outros 16 investimentos aprobados e pendentes de iniciar por valor de 2,7 millóns e 1,2 millóns máis para obras en proxecto, redacción ou licitación. Por último, outras tres actuacións están programadas ou en valoración cun custe de 17,1 millóns, entre eles os case 12 do IES de Navia.

No que se refire ás obras menores en centros educativos de Vigo, a Consellería de Educación levará a cabo un investimento de 1,4 millóns de euros entre 2021 e 2022.

IES Audiovisual Bouzas

Marta Fernández-Tapias informou sobre estas actuacións durante unha visita ao IES Audiovisual Bouzas, onde visitou o novo taller de fotografía construído cunha achega de 42.000 euros da Xunta.

A necesidade da ampliación do taller de fotografía viu dada pola solicitude para adaptar os espazos existentes ás características técnicas necesarias para realizar as prácticas. Para darlle unha solución foi necesario facer obras de reforma, integrando o actual taller de fotografía co laboratorio de revelado analóxico, co que se aumentou a superficie do taller ata os 54,40 m2 (o anterior era de 33,60m2) e reduciuse a superficie do laboratorio de revelado analóxico ata os 10,70m2.

O Goberno galego destinou un total de 142.000 euros ao IES Audiovisual desde o ano 2010 para levar a cabo obras de mellora, entre as que se atopaban as reformas das instalacións do plató, cabinas, fachada, teatro, fontanería, ventilación ou o portalón de acceso.

O IES Audiovisual de Vigo é o único centro público deste tipo na provincia e conta este ano cun total de 468 alumnos matriculados (203 no Grao Superior, 201 no Grao Superior en réxime de adultos, 49 en Grao Medio e 15 no Curso de Especialización). Dispón dun equipo formado por 37 persoas, das que 32 son docentes.