A XUNTA LICITA POR PRETO DE 379.000 EUROS AS OBRAS DE ILLAMENTO TÉRMICO E RENOVACIÓN DA CARPINTERÍA EXTERIOR NA RESIDENCIA XUVENIL DE ALTAMAR EN VIGO
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitaron hoxe o centro para informar á dirección e aos residentes da nova actuación
Esta intervención vén a completar a recente reforma do ascensor e do patio interior, así como a substitución das canalizacións á que se destinou 100.000 euros
A Xunta de Galicia acaba de licitar por preto de 379.000 euros as obras de illamento térmico e renovación da carpintería exterior na Residencia xuvenil Altamar en Vigo. Así o anunciaron hoxe a delegada territorial Marta Fernández-Tapias e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, nunha visita o centro.
Segundo informaron, o prazo de execución do contrato será de dos meses e medio, e os traballos consistirán na mellora da eficiencia enerxética do centro, a través da colocación dun sistema de illamento térmico exterior composto por capas de poliestireno fixadas á folla exterior da fachada existente.
Asemade, engadirase unha segunda ventá polo exterior e substituiranse todas as persianas por outras de similares características. En canto as baixantes de augas pluviais en mal estado, aproveitarase para a súa renovación e conexión a rede de saneamento.
O obxectivo, segundo indicaron as responsables autonómicas, é o de optimizar as condicións de confort interno dos usuarios do centro, mantendo as instalacións coas máximas garantías para alcanzar o maior rendemento e que, así, os mozos e mozas residentes poidan desfrutar dunha experiencia completa e positiva.
Esta intervención vén a completar ás reformas levadas a cabo durante o ano 2021 grazas a unha achega da Administración autonómica que superou os 100.000 euros, e que consistiron na modernización do ascensor e na adaptación e ampliación de espazos do patio interior, así como na substitución de canalizacións na cociña, no que se investiron máis de 90.000 euros. A estes traballos engadiuse a adquisición de materiais para o equipamento do ximnasio ou colchóns para as habitacións, entre outro mobiliario.