A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, anunciaron esta mañá novos avances no desenvolvemento do primeiro polígono con 733 vivendas previstas, das que 207 son VPP

A XUNTA LICITA POR 620.000€ A REDACCIÓN DOS PROXECTOS PARA CONSTRUÍR 79 VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA EN SAN PAIO DE NAVIA

O Executivo autonómico segue a avanzar na ampliación tras anunciar que licitará en febreiro, por un orzamento de 11 millóns de euros, as obras de urbanización do primeiro dos tres polígonos nos que se divide a ampliación do barrio vigués
O IGVS xa completou o proceso de adquisición dos 266.820 m2 de solo residencial, grazas a un investimento de 24 millóns de euros
Fernández-Tapias lamenta “o nulo interese” do Concello en materia de vivenda de promoción pública e os seus “bloqueos constantes” ao proxecto da Xunta para Navia

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, acompañada polo director do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, anunciou hoxe a licitación, por un orzamento de 620.000 euros, da redacción dos proxectos para construír as primeiras 79 vivendas de promoción pública (VPP) da primeira fase da ampliación de San Paio de Navia.

“Damos así un paso máis na construción das 1.600 vivendas desta nova bolsa residencial na cidade de Vigo”, aseverou. E neste contexto lamentou “o nulo interese” do Concello de Vigo en materia de vivenda de promoción pública e os seus “bloqueos constantes” ao proxecto da Xunta en Navia. Isto motivou, segundo dixo, que o Executivo autonómico  non agardara pola aprobación do proxecto de urbanización por parte do Goberno municipal co fin de avanzar no desenvolvemento deste primeiro ámbito con 733 vivendas previstas.

Así, unha vez rematada a adquisición de solo para a ampliación e redactados os tres proxectos de urbanización (266.820 m2), a Xunta licitará no vindeiro mes de febreiro, por un orzamento de 11 millóns de euros, as obras de urbanización do primeiro dos tres polígonos nos que se divide a ampliación de San Paio de Navia en Vigo.
Segundo recordou Fernández-Tapias, o proxecto do polígono 1 foi remitido ao Concello no mes de abril de 2021 e na actualidade atendéronse todos os requirimentos esixidos. En relación cos polígonos 2 e 3, foron enviados para aprobación municipal en maio ao Concello.

“Esperamos xa moito tempo a que o Concello reaccione e é imperante facilitar aos nosos veciños de Vigo acceso a unha vivenda en condicións, a prezos asequibles e coas mellores calidades”, apuntou. E nesta mesma liña, a delegada territorial subliñou que o “non de Caballero é un non á vivenda de promoción pública, un non ao barrio de Navia, e un non unha inversión prevista de 250 millóns de euros en colaboración pública-privada”.

En canto ás 98 parcelas de solo residencial que está programado se saquen a concurso neste mesmo polígono 1, Fernández-Tapias sinalou que a súa paralización é outra das consecuencias da falta de colaboración por parte da Administración local. Segundo explicou, “ata que non aprobe a urbanización, a Xunta non poderá convocar o concurso e terá á espera a cooperativas e promotores para a construción de 331 vivendas”.

Cómpre lembrar que toda vez que se poida convocar, terán preferencia os proxectos de construción de inmobles para alugueiro social e, precisamente, as cooperativas e promotores poderán optar ás axudas dos fondos europeos, de ata un máximo de 50.000 euros por vivenda, que ten previsto habilitar proximamente o Goberno galego.
Por último, indicou que as restantes 195 vivendas, ata sumar as citadas 733 vivendas do polígono 1, corresponderanse ás permutas de solo por edificabilidade.

Adquisición dos terreos

No ano 2016, a Xunta era propietaria de 82.838 m2 do novo ámbito de Navia,  unha superficie que se ampliou ata os 266.820,12 m2 actuais grazas a un investimento de 24 millóns de euros.

Para conseguir esta superficie, o IGVS realizou dúas ofertas públicas para a adquisición de terreo —en 2016 e 2018—, coas que conseguiu 93.099 m2 e polos que aboou 13,2 millóns; e iniciou tres proxectos de expropiación —un por cada polígono—, que se acaban de pechar coa adquisición de 77.286 m2 por un importe de 10,6 millóns.

Entre os 26 millóns de euros da urbanización, os 24 millóns de adquisición de solo e os 200 millóns estimados na construción das 1.600 vivendas, o investimento público e privado previsto na ampliación de San Paio de Navia rolda os 250 millóns de euros, aos que haberá que sumar o investimento nas parcelas comerciais e de equipamento.