A Xunta lanza en Vigo un novidoso sistema de consumo para a reclamación dixital na defensa dos usuarios

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, presentou este xoves  esta iniciativa nun establecemento comercial das Travesas

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, participou este xoves na presentación dun proxecto piloto de reclamación dixital en materia de consumo co obxectivo de axilizar este proceso e garantir a protección dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias. A representante autonómica acudiu ao   establecemento Iván Cross, situado no barrio das Travesas e adherido á iniciativa a través dun código QR.

Ana Ortiz destacou a importancia do proxecto, xa que dota de simplicidade, axilidade e eficacia o proceso de reclamación en materia de consumo garantindo a defensa das consumidoras e consumidores e ofrecendo ás empresas unha ferramenta áxil de comunicación cos seus clientes. A través deste sistema, estas persoas poderán presentar as súas reclamacións de maneira dixital a partir do escaneo dun código QR que as dirixirá a un formulario virtual no que cumprimentar os seus datos persoais e o motivo da súa reclamación, que será remitida de maneira electrónica á empresa.

De forma automática, recibirán un correo electrónico de constancia dando conta do día e a hora da presentación da súa reclamación ante o establecemento e indicándolles que se abre un prazo dun mes para que a empresa lles remita contestación por calquera medio que permita a súa constancia.

Labor do Instituto Galego do Consumo

Transcorrido o prazo dun mes sen obter resposta ou de ser esta insatisfactoria, a persoa consumidora poderá dirixirse directamente ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) e presentar unha nova reclamación a través dun enlace que xa se inclúe no propio correo e que recolle os datos cubertos na súa primeira reclamación ante a empresa.

Ana Ortiz lembrou que para calquera dúbida en materia de consumo, a cidadanía ten á súa disposición o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, que conta con oficinas de atención presencial nas sete principais cidades galegas, así como o teléfono gratuíto 900 23 11 23, que funciona de 9,00 a 14,00 horas e de 17,00 a 19,00 horas de luns a venres para ofrecer información e asesoramento en materia de consumo.