A Xunta inviste 167.000 euros na renovación da cuberta do CEIP A Doblada de Vigo

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este luns o centro educativo tras a reforma realizada no verán

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este luns o CEIP A Doblada no que se levou a cabo un investimento de máis de 167.000 euros por parte da Consellería de Educación, Ciencia, FP e Universidades para a renovación da cuberta do centro escolar.

“Levamos a cabo unha obra moi necesaria xa que a mellora das instalacións garante que os escolares dispoñan duns espazos confortables, seguros e accesibles a través das novas políticas educativas que estamos poñendo en marcha”, sinalou a representante autonómica. Ortiz lembrou que o Goberno galego destina máis de 21 millóns de euros á modernización e mellora dun total de 53 infraestruturas da comarca, delas 28 na cidade olívica cun importe de preto de 9 millóns, a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica.

Ademais da substitución da cuberta no CEIP A Doblada, a planificación inclúe o CEIP Balaídos (249.333 euros), CEIP Sobreira-Valadares (246.902, tamén para a cuberta do patio) e o CIFP Manuel Antonio (1,65 millóns, tamén para ascensor e aseos adaptados). Tamén levouse a cabo un importante investimento de cambio de luminarias no  IES A Guía (135.879 euros), IES de Beade (136.426 euros), IES Carlos Casares (105.955 euros), IES do Castro (109.490 euros), IES República Oriental de Uruguay (154.492 euros), IES Ricardo Mella (226.380 euros), IES Valladares (128.390 euros) e IES de Teis (75.032 euros).

O resto das obras na cidade de Vigo incluídas na planificación son no IES Alexandre Bóveda (732.000 euros para a reforma do ximnasio e das instalacións térmicas), no CEIP Virxe do Rocío (298.257 euros na rehabilitación e na instalación de telecomunicacións), no CEIP Pintor Laxeiro (148.399 euros para un novo ascensor), no IES San Tomé de Freixeiro (1,28 millóns na súa rehabilitación integral), no CMUS Conservatorio Superior de Vigo (1,03 millóns para a rehabilitación integral), no CEIP Igrexa-Valadares (230.573 euros no polideportivo e na cuberta do patio), no IES Coruxo (280.580 euros na cuberta e lucernario), CEIP Illas Cíes (316.512 euros na substitución de fiestras), no CEIP Emilia Pardo Bazán (183.493 euros no ascensor, rampla e aseos adaptados), no CEE Saladino Cortizo (17.705 euros na instalación fotovoltaica), no CEIP Santa Mariña (172.396 na substitución de fiestras), no IES Politécnico de Vigo (121.401 no ascensor e aseos adaptados) e no IES Álvaro Cunqueiro (496.472 na substitución de fiestras).

O Plan de nova arquitectura pedagóxica inclúe case 2.700 actuacións en toda Galicia para mellorar as instalacións de escolas, colexios, institutos, centros integrados de FP e conservatorios dependentes do Executivo autonómico. Neste momento están rematadas, en execución ou licitadas o 98 % delas, por un importe de máis de 229M€. O 2 % restante xa está comprometido, de tal forma que boa parte xa contan con proxecto encargado ou en revisión para a súa próxima execución.