A Xunta impulsa unha nova campaña de Nadal para dinamizar o comercio de proximidade en Vigo
A delegada territorial, Ana Ortiz, participou este venres na presentación da segunda parte da iniciativa “Nadal en Zona Náutico”
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, participou este venres na presentación da segunda parte da campaña de dinamización do comercio de proximidade Nadal en Zona Náutico, apoiada pola Xunta e organizada pola asociación de comerciantes e hostaleiros Zona Náutico de Vigo co obxectivo de dinamizar e fomentar o comercio local de cara a estas datas.
A representante autonómica salientou a importancia deste tipo de acción de dinamización para dar vida aos barrios e vilas e impulsar as vendas de Nadal no comercio de proximidade. A iniciativa consiste nun sistema para incentivar as compras nos comercios asociados, nos que cada participante deberá realizar unha compra (con importe mínimo de 12€) e despois terá que subir o seu ticket á aplicación da asociación para poder optar a un cruceiro polo Mediterráneo para dúas persoas.
Ortiz tamén lembrou que sigue aberto o proceso participativo do novo Plan estratéxico 2025-2030 e convidou a que todos os axentes implicados sigan facendo as súas achegas. Asemade, remarcou que a dixitalización, as ferramentas tecnolóxicas e as novas canles de difusión ofrecen ao comercio opcións innovadoras para incentivar as vendas e conectar cos consumidores, destacando como exemplo o uso dunha aplicación para validar os tickets de compra ou a amplificación do concurso a través das redes sociais como elementos diferenciais polos que aposta esta campaña.
A delegada territorial da Xunta de Galicia destacou a relevancia do comercio na xeración de emprego e na dinamización das economías locais, como parte fundamental do crecemento económico e social de Galicia, e puxo o foco no labor fundamental que xogan as asociacións e centros comerciais abertos na difusión e promoción do sector en vilas e cidades.