A XUNTA IMPULSA A MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS TURÍSTICAS EN MUNICIPIOS DE MENOS DE 10.000 HABITANTES CUNHA ACHEGA DE 2M€

A delegada territorial de Vigo, Ana Ortiz, visitou a nova sinalización do paseo da desembocadura do río Verdugo, en Soutomaior
O Goberno galego ven de publicar, o pasado 17 de marzo, unha nova convocatoria desta liña de axudas en concorrencia non competitiva

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este martes o paseo situado na desembocadura do río Verdugo, en Soutomaior, onde instalouse unha nova sinalización ao abeiro da orde de Turismo de Galicia para as actuacións de mellora de Infraestruturas Turísticas para concellos de ata 10.000 habitantes. A representante do Goberno autonómico destacou que este municipio recibiu 20.838,62 euros para executar esta intervención.

Ana Ortiz, que estivo acompañada polo alcalde de Soutomaior, Manuel Lourenzo, explicou que a actuación consistiu na mellora da sinaléctica do paseo que une o porto de Arcade coa ponte de Pontesampaio a través do sendeiro que discorre polo río Verdugo, no fondo da ría de Vigo.

Con esta liña de axudas Turismo de Galicia beneficiou, o ano pasado, a 67 concellos galegos de menos de 10.000 habitantes. Durante a visita, a delegada territorial lembrou que o Goberno galego vén de publicar, o pasado 17 de marzo, unha nova convocatoria desta liña de axudas, dotada con 2 millóns de euros, en concorrencia non competitiva.

A orde busca impulsar e consolidar a oferta turística no rural a través da recuperación, a mellora da accesibilidade e a sinalización dos recursos turísticos, contribuíndo a poñer en valor a riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística destes territorios. Os proxectos subvencionarse ata o 100% do orzamento, cun máximo de 30.000 euros por actuación.

Estas axudas permitirán financiar actuacións moi diversas orientadas á mellora e posta en valor dos recursos turísticos locais. Entre elas, inclúense o embelecemento dos accesos aos recursos turísticos, a recuperación e tratamento paisaxístico das contornas, a iluminación ornamental, a adecuación de aparcadoiros ou a creación de miradoiros paisaxísticos e rutas de sendeirismo.