A XUNTA HABILITA UN STAND INFORMATIVO EN VIGO PARA SENSIBILIZAR Á SOCIEDADE ANTE A VIOLENCIA DE XÉNERO
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este sábado o stand que informa sobre a violencia contra as mulleres
O Goberno galego lanza a campaña ‘Cando cres que non vai contigo, o machismo gaña’, unha proposta que apela directamente á reflexión persoal
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este sábado, con motivo da conmemoración do 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o stand informativo instalado fronte á Delegación do Goberno galego na cidade para sensibilizar á cidadanía entorno á violencia machista e informar sobre as distintas formas nas que se manifesta.
Durante os vindeiros días, o espazo divulgativo percorrerá a comunidade galega. Desde xeito, tras a súa parada este sábado en Vigo, onde estará aberto ao público entre as 10:00 e as 14:00 horas, pola tarde o stand quedará situado na Praza de Armas de Ferrol, onde ofrecerá información á cidadanía ata as 20:00 horas.
Na xornada do domingo 23 de novembro, o punto informativo comezará o seu percorrido na Praza da Peregrina de Pontevedra (de 10:00 a 14:00 horas), mentres que pola tarde estará emprazado na Praza Maior de Lugo. Finalmente, o punto informativo rematará a súa actividade divulgativo o vindeiro sábado, 29 de novembro, na Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela.
Esta é unha das accións enmarcadas na programación que leva a cabo a Xunta de Galicia con motivo do 25N, e que inclúe máis de 400 actividades ata decembro para abordar a loita e prevención da violencia de xénero en todos os ámbitos da sociedade.
Tamén nesta xornada, o Goberno galego lanzou a súa campaña institucional, que leva por lema Cando cres que non vai contigo, o machismo gaña. Unha proposta que apela directamente á reflexión persoal e que sinala que a loita contra a violencia de xénero é unha cuestión colectiva, non individual.



