A Xunta habilita tres zonas de aparcamento cun total de 316 prazas, case un 60% máis, grazas a reforma da Avenida de Galicia de Vigo

A delegada territorial, Ana Ortiz, visitou este martes un dos novos parkings que xa están a disposición do barrio vigués de Teis

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz,  visitou este martes un dos tres novos aparcadoiros que xa está en servizo no barrio vigués de Teis dentro das obras de humanización da Avenida de Galicia (PO-323). Durante un percorrido pola zona a representante autonómica destacou que o investimento da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas para a reforma integral da estrada supera os 6,5 millóns de euros en dúas fases.

Segundo explicou Ana Ortiz, os traballos permitirán construír máis de 300 prazas de aparcamento, o que supón case un 60 por cento máis do que existía na rúa que conecta Vigo con Chapela. “Atendendo as peticións dos veciños, comezaremos de forma inminente a execución dun estacionamento que se suma aos previstos inicialmente”, adiantou.

Así, a Avenida de Galicia pasará das 198 prazas actuais a contar cun total de 316, repartidas en tres aparcamentos habilitados en parcelas situadas xunto a estrada e nos propios marxes da rúa. Como resultado das achegas recibidas, tamén se levará a cabo o reforzo da semaforización no acceso ao Colexio Público San Salvador e a mellora de instalación semafórica no cruzamento entre Baixada á Rotea e a avenida de Galicia.

Humanización dun treito de 1,56 quilómetros

As obras da 2ª fase do proxecto de humanización, entre o IES de Teis e o límite do termo municipal de Vigo co de Redondela, comezaron o pasado outono cun investimento autonómico de 4,1 millóns de euros. A primeira fase, entre o cruce coa avenida da Mariña Española e o centro educativo, xa está finalizada tras investir 2,5 millóns.

A intervención, no seu conxunto, céntrase na humanización do treito de 1,56 quilómetros desta vía autonómica, entre os municipios de Vigo e Redondela. O obxectivo é reforzar a seguridade viaria, priorizando os peóns nesta vía de acceso á cidade con características urbanas.

Búscase así fomentar a mobilidade segura e sostible, así como mellorar a interna na cidade de Vigo, para o que se realizan conexións coa trama urbana de beiravías existentes e con itinerarios alternativos, como a senda da vía verde.

A actuación incluirá a reposición de pavimento dos itinerarios existentes, a execución de zonas de aparcadoiros e a habilitación de pasos peonís sobreelevados nas interseccións que permitan a interconexión con outros itinerarios peonís. Nas zonas onde o espazo dispoñible o permite disporase arborado.

Non se prevén cambios sobre o trazado en planta, senón unha redistribución das seccións para habilitar itinerarios e os elementos funcionais, e tamén se mantén a rasante da estrada existente.