A XUNTA GARANTE A GRATUIDADE DAS ESCOLAS INFANTÍS MUNICIPAIS TRAS REGULARIZAR O CONCELLO VIGUÉS OS PAGOS AO CONSORCIO GALEGO DE SERVIZOS DE IGUALDADE E BENESTAR

A delegada territorial en Vigo, Marta Fernández-Tapias, celebrou que o alcalde de Vigo entrase en razón e aboase a débeda que acumulou ao longo dos últimos anos, o que permitirá a unhas 400 familias viguesas beneficiarse desta medida pioneira
Destaca a importancia da colaboración entre Administracións para tecer unha rede de educación de 0 a 3 anos “de calidade e o máis extensa e accesible posible”

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou esta mañá a escola infantil A Estrela para comunicar á dirección do centro e ás familias que a partir do vindeiro curso todas as familias viguesas poderán beneficiarse da gratuidade total das prazas en todos os centros públicos, tanto autonómicos como municipais, e de iniciativa privada e social.

A aplicación desta medida pioneira do Goberno galego ás escolas infantís dependentes do Concello de Vigo será posible, segundo anunciou, tras regularizar a Administración local a débeda que contraeu ao longo dos últimos anos co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Este cambio de actitude do Goberno local permitirá que unhas 400 familias de Vigo se beneficien da gratuidade que porá en marcha a Xunta a partir de setembro. Fernández-Tapias celebrou, neste sentido, que o alcalde vigués, Abel Caballero, entrase en razón e aboase os pagos que tiña pendentes, aceptando un modelo de cofinanciamento que foi avalado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en sucesivas sentencias favorables á Xunta.

Así, destacou que no eido da educación infantil Galicia foi pioneira en universalizar a gratuidade nas escolas infantís de 0 a 3 anos para todas as familias galegas para os segundos fillos e sucesivos desde abril de 2020 e que esta iniciativa se estenderá con carácter xeral para todos os fillos no curso 2022-2023. Para facer realidade esta medida histórica a Xunta investirá máis de 30 millóns de euros, que beneficiarán a 31.000 nenos e nenas na Comunidade, cuxas familias aforrarán unha media de 1.900 euros anuais en matrícula e atención escolar.

Ademais, matizou, a Xunta asumirá toda a contía que pagaban as familias para permitir que se beneficien da gratuidade universal do primeiro ciclo de educación infantil. Fernández-Tapias destacou a importancia da colaboración entre Administracións para tecer unha rede de educación de 0 a 3 anos “de calidade e o máis extensa e accesible posible”, ao tempo que salientou que “os grandes avances lógranse a través da cooperación institucional”.