A Xunta finaliza a nova senda peonil na parroquia de Budiño cun investimento de máis de 250.000 euros
A delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou os traballos que se iniciaron en outubro na PO-510 no marco do Plan de Sendas de Galicia
Habilitouse un itinerario de 640 metros pola banda esquerda desta vía e reforzouse a seguridade e a mobilidade dos peóns no treito desta estrada, na zona da Vaquería
Acondicionouse a parada de autobuses e procedeuse á substitución da marquesiña existente para acadar maior comodidade dos usuarios do transporte público
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este martes xunto ao alcalde de O Porriño, Alejandro Lorenzo, as obras que levou a cabo a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas na nova senda peonil na parroquia de Budiño, no concello do Porriño.
A través desta actuación, que supuxo un investimento autonómico de máis de 250.000 €, finalizaron xa os traballos para habilitar na estrada PO-510 este itinerario é favorecer a seguridade dos veciños nos seus desprazamentos a pé nesta parroquia do municipio, en concreto na zona da Vaquería.
As intervencións deseñadas polo departamento de infraestruturas da Xunta centráronse en reforzar a seguridade e a mobilidade dos peóns neste treito de estrada que ten unha densidade de tráfico moi elevada, alcanzando máis de 20.000 vehículos diarios.
En concreto, executouse unha senda, cunha lonxitude de 640 metros pola banda esquerda da estrada, de 1,80 metros de ancho con bordo e unha elevación con respecto á rasante da calzada de 10 centímetros, agás nos accesos ás vivendas ou fincas.
Nas beirarrúas, e onde así o indicaba a normativa de accesibilidade, colocouse pavimento táctil nos vaos peonís, para aumentar a seguridade con sinais que fomentan a inclusión. A actuación en execución tamén incluiu o acondicionamento da parada de autobuses e a substitución da marquesiña existente, para acadar maior comodidade dos usuarios do transporte público.
As intervencións enmárcanse no Plan de sendas de Galicia, a través do que a Xunta xa executou máis de 300 km de itinerarios peonís e ciclistas e prevé acometer nesta lexislatura outros 150 km máis.

