A XUNTA FINALIZA A CONSTRUCIÓN DA NOVA MARQUESIÑA DE ACCESO AO IES CARLOS CASARES DE VIGO
A delegada territorial, Ana Ortiz, visitou as instalacións do instituto vigués no que se levou a cabo un investimento de 48.000 euros para a nova cuberta
A Consellería ten en marcha investimentos no CIFP Paz Andrade (1,9M€) e Manuel Antonio (1,5M€), ademais do novo IES Domingo Villar (14M€)
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, visitaron este martes o IES Carlos Casares de Vigo, situado na avenida da Ponte, tras finalizar as obras da nova cuberta de acceso levadas a cabo pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Segundo explicou a representante autonómica, as obras tiveron un investimento superior aos 48.000 euros coa finalidade de instalar unha nova marquesiña de entrada.
“A obra supón a construción dunha nova cuberta sobre a zona no entorno do acceso principal ó centro que posibilite a saída do alumnado incluso no caso de choiva, e que lles permite acceder a cuberto tamén dende o exterior á cafetería e xerar unha zona de estancia”, sinalou a delegada territorial.
Ana Ortiz lembrou que a Xunta de Galicia está a acometer importantes obras no conxunto dos centros escolares de Vigo. Así, puxo como exemplo o novo IES de Navia que o Goberno galego construirá cun orzamento aproximado de 14M€ e que levará o nome do escritor vigués Domingo Villar. Tamén mencionou a substitución de cubertas e a rehabilitación dos centros integrados de FP Valentín Paz Andrade (1,9 M€) e Manuel Antonio (1,5 M€), ambas en execución.
Así, sinalou que Vigo é a cidade galega co maior investimento en mellora de espazos educativos, con 31 millóns de euros para as instalacións dos colexios e institutos no marco do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. “Desenvolvemos actuacións que van desde pequenas melloras ata proxectos de maior envergadura”, apuntou a delegada.


