A Xunta entrega equipamento de emerxencias a sete agrupacións de voluntarios de Protección Civil da área territorial de Vigo
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou na entrega realizada na Academia Galega de Seguridade Pública
Trátase de 1 remolque, 1 tenda de campaña para a atención ás emerxencias, así como kits de ferramentas eléctricas e material loxístico para a seguridade viaria
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou esta semana na entrega de diverso equipamento de emerxencias a 86 Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) doutros tantos concellos ou mancomunidades, entre eles a 6 colectivos pertencentes á área territorial de Vigo e á Mancomunidade do Val Miñor.
Trátase de 1 remolque para a atención ás emerxencias entregado á Mancomunidade do Val Miñor, 1 tenda de campaña para a agrupación de Salceda de Caselas, 3 kits de material loxístico para Soutomaior, Cangas e Moaña, así como 2 kits de ferramentas eléctricas para agruapacións de Redondela e O Porriño que suman en total un investimento de preto de 36.000 euros.
No acto, desenvolvido na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) participaron tamén o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e os delegados territoriais da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e en Pontevedra, Agustín Reguera, así como representantes dos concellos e das AVPC que recibiron as dotacións.
Os remolques entregados contan con electro bomba somerxible, motobomba para augas residuais, xerador de electricidade portátil, motoserra, rozadoira, torre de iluminación e kit de balizamento e sinalización. Pola súa banda, as tendas de campaña teñen teitos de 4×4 metros, estruturas reforzadas de aluminio e kit de iluminación de baixo consumo, entre outras características. En canto ás ferramentas eléctricas, o kit consta de amoladora, serra sable, motoserra con mochila para transporte, taladro percutor, miniarrancador, baterías e cargadores.
O material loxístico para a seguridade viaria inclúe unha mampara de protección visual plegable, soportes telescópicos antivento, pack de sinalización, tetrápodos con reflectantes, balizas sincronizables e lanternas.
O equipamento entregado enmárcase na orde de axudas en equipamentos de emerxencias aos concellos, mancomunidades e agrupacións de concellos galegos de menos de 50.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC). Dos 86 colectivos beneficiarios desta convocatoria, 25 son da provincia da Coruña, 9 da de Lugo, 28 da de Ourense e 24 da de Pontevedra. A actuación está cofinanciada pola Unión Europea, a través do programa Feder de Galicia.
Diego Calvo reafirmou o compromiso da Xunta cos servizos de emerxencias a pesar de ser competencia local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos municipios de menor poboación-. Nesta liña, a Xunta realizou nos últimos anos un importante investimento para reforzar o equipamento aos servizos de emerxencias municipais. Só no caso de Protección Civil, as achegas dos últimos anos para o financiamento da súa actividade, equipamento e formación suman máis de 22 millóns de euros. De feito, neste ano, preto de 200 AVPC se beneficiaron da orde anual para gastos de mantemento, dotada con 340.000 euros.
Máis de 48.000 operativos en 2023
O conselleiro destacou a importancia do labor das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, non só como servizo de emerxencias local, senón tamén como rede que actúa en todo o territorio. Só en 2023 estes colectivos participaron en máis de 48.000 operativos no conxunto de Galicia. Referiuse tamén á importancia da formación dos membros destas agrupacións, que ao longo do último ano dispuxeron de case un cento de cursos na Academia Galega de Seguridade Pública específicos para a súa preparación. As accións formativas sumaron preto de 2.000 participantes.
Para Diego Calvo, a dedicación e xenerosidade dos voluntarios e voluntarias de Protección Civil merece o máximo apoio das administracións para facilitar o desenvolvemento do seu labor “con todas as garantías de seguridade e eficacia”, xa que moitas veces son os primeiros en chegar ao lugar dun accidente ou sinistro. O conselleiro incidiu tamén no recoñecemento e agradecemento por “unha entrega que converte estas agrupacións en exemplos de heroicidade e en símbolos de solidariedade”.
Neste marco de apoio aos servizos de emerxencias locais, no que vai de ano a Xunta tamén entregou diversas dotacións a catro Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES). Así, os GES de Mos e A Guarda recibiron senllos furgón de servizos varios, e os de Brión, Monterroso e Maceda cadansúa bomba rural pesada. Este equipamento supuxo un investimento de case 900.000 euros. O investimento só en equipamento para servizos de emerxencias municipais da comunidade, tanto GES como Protección Civil, supera os 27 millóns de euros nos últimos

